O Cádiz esperta do soño copeiro a un digno Ribadumia (0-2)
Por Diego Espiño
David non puido contra Goliat, ou o que é o mesmo un digno e pelexón Ribadumia da Terceira División non foi capaz de dar a badalada este xoves ante un Primeira como o Cádiz na primeira rolda da Copa do Rei. A derrota dos aurinegros non resta con todo un chisco de valor ao vivido e conseguido no torneo do K.O., cun dos días máis especiais da historia do club.
A expectación era máxima na Senra, con 300 seguidores nas bancadas, os máximos autorizados. Podíase comprobar só con aproximarse ao campo municipal, onde a Garda Civil comprobaba a procedencia dos asistentes para evitar que alguén se saltase as restricións territoriais para vivir en directo tan especial cita.
Xa sobre o verde os de Luís Carro compareceron co seu once de gala fronte a un Cádiz que optou por rotacións, sen repetir ningún futbolista con respecto á xornada de liga que lle enfrontou o luns ao Celta en Balaídos. A pesar diso o nome dos futbolistas que presentou o conxunto andaluz sobre o céspede era de moitos dos protagonistas habituais do considerado por moitos como equipo revelación esta campaña na elite nacional, tendo vencido a dous colosos como o Barcelona e o Real Madrid.
Non se amedrentou por iso o Ribadumia, que saltou ao terreo de xogo sen complexos disposto a tutear ao seu rival. Así aínda que a idea era ceder a posesión e esperar coas liñas xuntas as acometidas cadistas, os locais non renunciaban a fases de control do esférico e a aproximarse ao área contraria. De feito a primeira chegada de consideración foi local, cunha acción de Monchito pola esquerda para un centro que non despexa con acerto a zaga visitante caendo aos pés dun Fran Fandiño que disparou alto. Antes o futbolista pontevedrés dera o susto ao sufrir un forte golpe nas costelas contra a parte baixa da bancada, afortunadamente sen graves consecuencias.
Era o minuto 16 de xogo, e o aviso empezou a espertar o Cádiz, que aos poucos empezou a roldar máis a área defendida por Roberto Pazos. Malbasic primeiro cun forte disparo sen ángulo e Alcalá de cabeza despois nunha falta lateral probaron o arqueiro, ben posicionado.
As saídas dos aurinegros era cada vez máis contadas, pero tampouco pasaban excesivos apuros. Foi así ata que pasada a media hora de xogo Óscar Iglesias cometía unha falta sobre Malbasic sen aparente perigo, preto do círculo central. Viu a primeira cartolina amarela do choque, pero a penitencia sería aínda maior, xa nese golpe franco chegaría o 0-1. Salvi colgou o esférico pasado ao pico da área, Juan Cala prolongou de cabeza e Jon Ander Garrido gañoulle a partida no salto a Fran Fandiño para marcar de cabeza.
¡Gooool del @Cadiz_CF!
— DAZN España (@DAZN_ES) December 17, 2020
Garrido fue el más listo de la clase en el área y marca el primero ante el @cd_ribadumia #CopaDelReyDAZN pic.twitter.com/XSfNqejxFk
Pese ao gol non perdeu o ánimo o Ribadumia, que tentou saír en varias accións á contra sen fortuna ata o tempo de descanso, ao que se chegou sen máis cambios.
A segunda metade comezou con polémica, e é que apenas transcorreran dous minutos cando o colexiado sinalou un dubidoso penalti sobre Akapo. Non foi decisivo porque Roberto Pazos adiviñou as intencións de Malbasic detendo primeiro o seu disparo cunha gran man abaixo e despois a súa rexeite.
Tras esa acción responderon os de Luís Carro nun saque de esquina lanzado por Hugo Soto que caeu na frontal a Cheri sacando un disparo que marchou desviado por moi pouco. Puido supoñer o empate, pero cosas do fútbol a continuación chegaría o 0-2. David Gil sacou de portería en longo, Lozano prolongou, Carlos fallou no despexe e Malbasic, agora si, aproveitou o erro para bater entre as pernas ao porteiro local.
¡Cuando uno no se rinde, llega el PREMIO!
— DAZN España (@DAZN_ES) December 17, 2020
¡Gol de Malbasic para que el @Cadiz_CF ponga tierra de por medio! #CopaDelReyDAZN pic.twitter.com/2XHvjcjp5Q
Demasiado castigo para un Ribadumia que estaba a plantar cara ao grande. Pero era un día de celebración, e o ánimo non podía decaer, así que o seguiron pelexando os pontevedreses en busca de polo menos poder cantar un gol. Charles estivo preto tras un roubo de Óscar Martínez, pero tras esquivar ao seu defensor e en boa posición, dentro da área, conectou co balón de maneira defectuosa coa súa perna esquerda e o seu remate foise desviado. Tamén o probou Diego Abal cun duro disparo desde fóra da área, aínda que moi centrado.
Pola súa banda o Cádiz afanábase en frear as acometidas locais controlando o xogo sabendo que o cronómetro xogaba ao seu favor. Así foron pasando os minutos, cun Ribadumia que terminou mesmo envorcado por momentos na área contraria e que gozou da última e máis clara do encontro no 85, atopándose Charles cunha gran intervención de David Gil.
Co asubío final chegou a merecida ovación da bancada da Senra aos seus. Non era para menos, acaban de vivir unha xornada histórica para o club e para a localidade, independentemente do resultado.
CD RIBADUMIA (0): Roberto Pazos, Carlos, Santi (Giráldez, min.64), Miguel Vázquez, Javi Domingo, Óscar Iglesias (Diego Abal, min.64), Fran Fandiño (Dieguito, min.71), Monchito (Brais, min.56), Cheri (Óscar Martínez, min.56), Charles, Hugo Soto.
CÁDIZ CF (2): David Gil, Akapo, Juan Cala, Pedro Alcalá, Marc Baró, Garrido, Bodiger (Jonsson, min.42), Salvi, Pombo (Jairo, min.75), Malbasic (Álvaro Giménez, min.89), Lozano (Nano Mesa, min.75).
Árbitro: Pablo González Fuertes, auxiliado nas bandas por Fernández Buergo e Rodríguez Moreno (Asturias). Amoeestou a Óscar Iglesias, Javi Domingo, Óscar Martínez e Santi no Ribadumia.
Goles: 0-1 Jon Ander Garrido (min.33), 0-2 Malbasic (min.51).
Incidencias: Eliminatoria de primeira rolda da Copa do Rei disputado no campo municipal da Senra de Ribadumia ante 300 espectadores.
Relacionadas:
-
O Ribadumia estrea o ano con derrota fronte o Ourense CF (2-4)
Por Redacción |
-
O Pontevedra-Cádiz de Copa do Rei xa ten data: xoves 7 de xaneiro
Por Redacción |
-
Duro correctivo do Arenteiro a un Ribadumia con resaca copeira (0-3)
Por Ramiro Espiño |
-
Empate sen goles no derbi entre Arosa e Ribadumia
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Os partidos de Pontevedra e Ribadumia na Copa do Rei serán televisados
Por Redacción |
-
Técnicos da RFEF inspeccionan A Senra para valorar se pode acoller un duelo de Copa do Rei
Por Redacción |
-
Copa do Rei: O Ribadumia recibirá ao Cádiz; o Pontevedra, ao Cartagena
Por Manu Otero |
-
Histórico Ribadumia! Vence o Miengo en Cantabria (0-1) e recibirá a un equipo de Primeira na Copa do Rei
Por Diego Espiño |