O Super Froiz disputa esta fin de semana o Díptico de Galicia, coa mente posta na Volta a Galicia
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz disputa esta fin de semana unha das poucas probas de elite e sub 23 que se celebra na provincia de Pontevedra. Trátase do Díptico de Galicia que se levará a cabo este sábado 31 de agosto coa proba de fondo, eliminación e sprints; mentres que para o domingo queda a cronoescalada e outra proba de fondo.
O Díptico-Gran Premio Cidade de Vigo preséntase como preparación para o Froiz de face ao gran obxectivo da tempada, que é a Volta a Galicia, que se disputará a mediados do mes de setembro. "Agora mesmo todo está encamiñado a chegar ben á Volta", recoñece Evaristo Portela que aposta por levar á localidade olívica a unha formación plagada de galegos.
Ángel Vallejo, gañador da Volta a Zamora, será a referencia dunha formación que tamén contará con Aser Estévez, Sergio Míguez, José Luís Mariño, Pedro Macías, Martín Lestido, Roberto Mediero e Iván Roade. De cara ás probas do domingo haberá un cambio (a organización permite dous) porque entrará Samuel Rodríguez Gil no canto de Iván Roade.
A maioría dos ciclistas que estarán en Vigo veñen de disputar a Volta a Palencia, na que Roberto Mediero e Martín Lestido foron os mellores da formación alimenticia.
A folla de ruta ata a Volta establece como test para o Froiz o Díptico e a próxima semana a Volta a Valencia, na que incluirá a corredores que non estarán este fin de semana en Vigo.
"Para nós a Volta é absolutamente prioritaria. ÿ o noso gran obxectivo do ano e estamos traballando para que os corredores cheguen en boas condicións", comenta Evaristo Portela que recoñece que os días previos á rolda galega os corredores coñecerán os percorridos das tres etapas.