Suspendida a primeira xornada da Liga Feminina 2 de baloncesto "ante a falta de garantías sanitarias"
Por Diego Espiño
A Federación Española de Baloncesto (FEB) decidiu pospoñer o inicio da Liga Feminina 2, previsto para este sábado 3 de outubro.
A decisión tomouse "ante a falta de garantías sanitarias existentes e co fin de non poñer en risco a saúde tanto das xogadoras como dos diferentes axentes que compoñen a competición", explicou a FEB nun breve comunicado.
Este aprazamento "vén derivado da falta de garantías sanitarias para que as deportistas e os diferentes participantes do mesmo poidan desenvolver o seu labor sen risco de contaxio", engade o organismo federativo, en cuxo protocolo se establecía a obrigatoriedade de que plantel e corpo técnico dos equipos se sometesen a test de detección da COVID antes de cada xornada.
Trátase dunha medida que afecta por tanto a todos os equipos da categoría, entre eles o Arxil pontevedrés que tiña previsto estrearse este sábado no CGTD fronte ao Baxi Ferrol, e o Cortegada de Vilagarcía cuxo debut se ía a producir tamén na casa ante o Ardoi.
Desta maneira o inicio da Liga Feminina 2 producirase, se nada cambia, o próximo 10 de outubro coincidindo coa segunda xornada, na que o Arxil visitará o Maristas Coruña e o Cortegada fará o propio co Baxi Ferrol.
En canto aos encontros aprazados, a FEB sinalou que "se disputarán proximamente" nunha data que debe ser agora acordada cos clubs.
Relacionadas:
-
O derbi ante o Celta, toda unha reválida para o Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil supera sen positivos os test de COVID previos ao comezo da Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
O Arxil recibe os test de COVID que aseguran poder empezar a liga o 10 de outubro
Por Redacción |
-
O Arxil, listo para unha tempada na Liga Feminina 2 na que "cada partido tiene que ser como una final"
Por Diego Espiño |
-
Vitoria arroiadora do Arxil fronte ao Cortegada no segundo partido de Copa Galicia (62-38)
Por Mónica Patxot & Almu Dapena |
-
Derrota do Arxil en Vigo no seu primeiro partido de Copa Galicia e da pretempada (64-59)
Por Redacción |
-
A Federación esixe test de Covid semanais aos equipos de Liga Feminina 2
Por Redacción |