Derrota do Arxil en Vigo no seu primeiro partido de Copa Galicia e da pretempada (64-59)
Por Redacción
O Club Baloncesto Arxil reencontrouse a última hora do martes coa agradable sensación da competición, despois de moitos meses sen poder disputar ningún encontro.
O conxunto pontevedrés visitou o Celta Zorka no pavillón vigués de Navia na primeira xornada da fase previa da Copa Galicia de baloncesto, e no que era tamén o seu primeiro choque de preparación esta pretempada.
A pesar da falta de ritmo e a derrota final (64-59), o certo é que as sensacións das de Mayte Méndez foron positivas, competindo ata os minutos finais cun dos equipos chamados a pelexar polas prazas de play-off como é o Celta.
A igualdade foi a tónica do inicio do partido, cun primeiro cuarto que levou o Arxil cun apertado 19-20. O Celta pola súa banda recuperou o mando no segundo parcial para dominar o electrónico ao descanso (35-30).
Con todo a loita de poder a poder prolongouse a un terceiro cuarto que concluíu en táboas (50-50), deixando todo para os últimos 10 minutos. Nese tramo final o Celta demostrou un punto máis de frescura para terminar decidindo o encontro ao seu favor.
A próxima cita do Arxil na Copa Galicia e na súa pretempada, que xa entra na recta final, será fronte ao Cortegada de Vilagarcía.
Non puido ser, un partido igualado que se decantou no último cuarto, o celta levase o primero amigable da pretempada. #COPAGALICIA#FAMILIAVERDE#estaestugrada https://t.co/NUje4ghUES
— CB Arxil (@ArxilCb) September 22, 2020