Non houbo milagres: Mecos non pode con A Cabana e consuma o seu descenso á Liga Galega de Traíñas B
Por Redacción
O porto de Cabo da Cruz (Boiro) acolleu este domingo a última xornada da Liga Galega de Traíñas. Foi a festa do remo galego. Para todos, menos para o Mecos-Mondariz. Non logrou o seu obxectivo de superar aos ferroláns da Cabana e descenderon de categoría. A próxima tempada terán que competir na Liga B, un triste destino para un equipo que hai varios anos estaba na elite deste deporte.
A proba comenzaba pasadas as 12.30 horas coa primeira tanda. Había moito en xogo. A Cabana y Mecos Mondariz xogábanse o descenso. Na primeira virada os do Grove saíron por diante dos ferroláns, pero pouco lle durou o soño. A Cabana foi de menos a máis e acabou con máis de dez segundos sobre o seu principal rival. Mugardos gañou a tanda con claridade, cun tempo de 20:01, o que lle permitiu acabar terceiro na XXIII Bandeira Concello de Boiro.
Na tanda de honra tampouco houbo moita emoción a partir do segundo longo. Samertolameu, co título asegurado, reservou aos seus mellores remeiros para preparar a clasificatoria da Concha e o play off de ascenso a ACT. Cabo da Cruz, moi motivada por remar na casa, marcou sempre os mellores tempos. Co alento da súa afección, foron os únicos capaces de baixar dos vinte minutos (19.51). Segundo na xeral e na tanda foi Chapela, cun tempo de 20.00.
Agora tan só falta por disputarse os playoff de ascenso á liga ACT San Miguel, que disputarán Samertolameu de Meira e Cabo da Cruz, primeiro e segundo respectivamente na Liga A, e o playoff no que A Cabana loitará con Puebla e Salgado Perillo por un posto na liga A 2013-14. O oco que deixa Mecos-Mondariz ocuparao o gañador da Liga B, Ares.
José Juán Duran, presidente de Portos de Galicia, e Juan José Dieste, alcalde de Boiro, entregáronlle aos remeiros da Terca de Samertolameu e a Santa Olaia de Ares as Bandeiras de campións da liga A e B respectivamente. Diego Portela, presidente da Liga Galega de Traíñas, entregoulle aos patróns de ambos equipos o maillot de vencedores desas respectivas ligas.