Mecos 'incendia' a loita pola permanencia ao quedar sextos na Bandeira Teresa Herrera
Por Redacción
Moitos dubidaban da posible reacción de Mecos-Mondariz, pero os remeiros de O Grove demostraron que pelexarán pola permanencia ata a última xornada da Liga Galega de Traíñas. O seu fantástico resultado na Bandeira Teresa Herrera, na que terminaron sextos na contrarreloj puntuable, sitúanos a tan só un punto dos seus rivais directos pola salvación, a traíña ferrolana da Cabana.
Na novena xornada da Liga Galega de Traíñas, Samertolameu volveu dar unha exhibición das que perduran no tempo. Superaron con rotundidade a todos os seus rivais no espectacular campo de regatas da ensenada do Orzán. Ao final do segundo longo xa tiñan unha vantaxe de 28 segundos respecto de Chapela, que volveu ser segunda. Cabo da Cruz foi terceira e Ares, líder da Liga B, foi cuarta.
A emoción viviuse na loita pola quinta praza. Tres traíñas, Vilaxoán, Mecos-Mondariz e Mugardos, acabaron a proba nun abano de menos de dous segundos. Os da 'Revenida' venceron por centésimas, pero a gran beneficiada foi a 'Mequiña', última clasificada na xeral e que tras selar unha gran regata acabou sexta e se sitúa a tan só un punto da Cabana na súa particular loita pola permanencia.
As oito traíñas da Liga Galega A, ademais de Ares e Puebla logaron a clasificación para a xornada final da Bandeira Teresa Herrera que se disputou o domingo. A proba, que non era puntuable para a Liga, finalizou con triunfo incontestable de Chapela, que avantaxou en 19 segundos a Samertolameu. Vilaxóan foi quinta, Mecos sétima e Amegrove novena.
Na clasificación xeral da Liga Galega de Traíñas, Samertolameu roza o título ao sumar 70 puntos, dez máis que o segundo clasificado, Cabo da Cruz. Chapela é terceira con 53 puntos e Amegrove cuarta con 45; mentres que Mugardos (34) e Vilaxoán (31) pelexan pola quinta praza. A falta de dúas xornadas, o interese céntrase na loita pola permanencia. A Cabana suma 16 puntos polos 15 de Mecos-Mondariz.
A próxima regata celebrarase o próximo 18 de agosto en Meira (Moaña).