Victoria con boa imaxe do Pontevedra (2-1) fronte ao C.D. Lugo
Por Ramiro Espiño
ÿ verdade que rara vez os partidos de pretempada serven para extraer conclusións definitivas sobre as posibilidades dun e outro equipo, pero tamén que ás veces permiten ver certos apuntamentos sobre as intencións dos técnicos. Neste sentido un Pasarón practicamente baleiro puido ver o seu equipo fronte a un rival de categoría superior, deixando unha moi boa impresión, especialmente na segunda metade, na que superou en xogo e ocasións a un rival que se desfondou tras dominar o primeiro acto do partido.
O Lugo, que estrelara dous remates na madeira no primeiro tempo, viuse logo desbordado por un Pontevedra que ofreceu unha interesante presión sobre a saída de balón do contrario, e un ritmo de xogo moi alto para as poucas xornadas de adestramento que os xogadores levan ás súas costas.
Malia o inicial dominio visitante, a primeira chegada do partido, minuto 2, abondou para que Fran Fandiño, aproveitando un fallo de marcaxe da zaga lucense, abrise o marcador cunha boa cabezada, anticipándose no primeiro pau, á saída dun corner.
Esperta o Lugo, que toma o mando. David de Coz encontra unha autoestrada na banda esquerda defensiva local, minuto 10, poñendo un bo centro que non aproveita Pablo Sánchez, mandando de cabeza o balón ao longueiro. A resposta dáa Tubo na xogada seguinte, cun forte disparo frontal que rexeita con apuros José Juan.
O Lugo chegaba ben por bandas, pero sen acertar nos metros finais, mentres o Pontevedra mantiña as liñas moi xuntas, tratando de premer sobre a saída de balón, pero con dificultades na creación. Rennella aproveita un excelente servizo de Manu para fusilar dende preto a Paco e establecer o empate. Logo virían algunhas opcións á contra do conxunto local, desaproveitadas ao non acertar no último pase.
Rennella tópase co poste, nunha boa cabezada, de novo nun perfecto centro do lateral Manu, incorporado ao ataque. O equipo de Nando sufría polas bandas, nas que o Lugo buscaba sempre a chegada en superioridade dos seus dous laterais.
Ao descanso a impresión de superioridade que deixara o Lugo tiña non obstante a resposta dun Pontevedra digno, pero que evidenciara as súas carencias precisamente nas zonas nas que adestrador e director deportivo están a buscar efectivos.
Mellorou o Pontevedra tras o descanso e de novo púxose moi pronto por diante no marcador, ao aproveitar Iago Paz unha entrega defectuosa de David de Coz para deixar só a Richi ante José Juan. O dianteiro, que tocaba o seu primeiro balón en xogo, superou con tranquilidade a oposición do meta visitante, cun disparo raso.
Seguía mellor o Pontevedra, fronte a un Lugo esvaecido agora e Richi repite a acción do segundo gol, ao recibir un pase ao espazo libre de Santi Domínguez, pero agora con distinto resultado. O meta lucense non se vence e tapa co peito o disparo do dianteiro granate, evitando o terceiro gol.
O primeiro e único remate do Lugo na segunda parte non chegaría ata o minuto 81 de partido, nunha cabezada de Víctor Díaz, á saída dun corner, que marchou fóra por pouco. Insuficiente para impoñerse nun partido no que os visitantes baixaron notablemente o seu rendemento na segunda metade, sendo superados con xustiza por un Pontevedra que, pola contra, foi a máis, proclamándose xusto vencedor, e exhibindo na presión o rival unha arma que lle pode dar bos dividendos na liga.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Paco (Edu, min. 46): Caco (Bruno, min. 46), Pablo, Miguel, Adrián; David García (Emilio, min. 67); Fran Fandiño (David Pérez, min. 67), Iago Paz (Moreira, min. 70), Santi Domínguez (Kevin, min. 74), Tubo; e Luismi (Richi, min. 46).
C.D. LUGO (1): José Juan (Dani Mallo, min. 67); David de Coz (Víctor Díaz, min. 67), Lolo Pavón (Tena, min. 67), Jorge (Víctor Marco, min. 67), Manu (Javi Rey, min. 67); Fernando Seoane (Rafa García, min. 67), Álvaro Peña (Carlos Pita, min. 67); Pablo Álvarez (Iago Díaz, min. 67), Rennella (Iván Pérez, min.67), Pablo Sánchez (Ernesto, min. 67); e Sandaza (Niqi, min. 67).
Árbitro: García Parada (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Fariña Viase e Soage Fernández. Mostrou tarxeta amarela a Kevin, Pablo e Carlos Pita.
Goles: (1-0) Minuto 2: Fran Fandiño, de cabeza no primeiro pau, á saída dun corner. (1-1) Minuto 25: Rennella remate a pracer un excelente centro de Manu. (2-1) Minuto 47: Richi resolve un pase de Iago Paz, só ante José Juan, tras aproveitar un erro na entrega de David de Coz.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 500 espectadores. XXXVII Edición do Trofeo Cidade de Pontevedra. Antes de comezar o partido gardouse un minuto de silencio polo falecemento de José García Blanco, ex-vicepresidente do club granate nos anos 80. Antón Louro, Tenente de Alcalde do Concello de Pontevedra entregou o trofeo de campión ao capitán granate, Richi.