Fracaso do proceso de ampliación de capital do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Dun total de 200.000 euros de capital, unicamente se venderon 12.494, un raquítico 6,25% da cifra necesaria para cubrir a ampliación, o que supón 24.988 euros, incluíndo a prima de emisión achegada por un total de 247 particulares e empresas que investiron no proceso, dos cales só 117 tiñan anteriormente a condición de accionistas.
Este é o resultado do proceso de ampliación de capital realizado polo Pontevedra C.F. e feito público na mañá do martes polo Presidente do Consello de Administración, José Manuel Fernández, o que na práctica supón un absoluto fracaso no intento de capitalizar a sociedade, e iso a pesar das optimistas palabras do anterior presidente, Mauricio Rodríguez, que na presentación da devandita ampliación non dubidou en afirmar que "non pedimos millóns como outras cidades, para esta cidade é asumible, é un obxectivo doado de acadar".
Chama a atención o feito da "soidade" de José Manuel Fernández á hora de dar conta do resultado, ao que non acompañaba ninguén do Consello de administración nin sequera o seu antecesor no cargo, que foi quen xestionou todo o proceso de ampliación e quen mesmo pretendía conseguir dos accionistas maioritarios unha cantidade maior aos 400.000 euros, prima de emisión incluída, que finalmente se pactaron e que quedaron moi lonxe de ser alcanzados.
Esas 12.494 accións foron subscritas por 117 accionistas e 130 particulares ou empresas que non formaban parte do conxunto de accionistas do club. Os primeiros compraron 9.535 accións e os segundos 2.959, con unba media practicamente simbólica de investimento de 100 euros por persoa.
Con este resultado, tecnicamente o club segue en causa de disolución, o que obriga ao Consello a adoptar novas medidas para saír do apuro en que está metido. Así o Consello de Administración estudará a próxima semana as medidas a adoptar, sendo moi posible que haxa de solicitarse autorización á Xunta de accionistas para unha nova operación de ampliación.
A pesar de todo, José Manuel Fernández non quixo falar de fracaso no proceso, dicindo: "Yo lo que quiero es dar las gracias. No quiero hablar de fracaso del proceso, sólo agradecer a todas las personas que han acudido y mis respetos a los que no lo han querido hacerlo o no han podido. Todos tenemos que hacer ejercicio de reflexión. Las cifras son frías. Las consecuencias que las saque quien quiera".