O Pontevedra prepárase para a ampliación de capital: "Non pedimos millóns como outras cidades"
Por Diego Espiño
A ampliación de capital do Pontevedra Club de Fútbol arrancará oficialmente a súa primeira fase en pouco máis dun mes, polo que dende a entidade granate se quixo presentar unha campaña que incentive os actuais accionistas, aboados e afeccionados en xeral a participar no proceso.
Na primeira, fase, que durará un mes, só poderán participar os actuais accionistas adquirindo un número de accións acorde á súa participación nominal na sociedade anónima, e non será ata a segunda fase cando poidan acceder libremente o resto de afeccionados.
Mauricio Rodríguez: "Non pedimos millóns como outras cidades, para esta cidade é asumible, é un obxectivo doado de acadar"
Cada acción terá un valor dun euro cunha prima de emisión dun máis, polo que para comprar un novo título haberá que desembolsar dous euros ata chegar ao máximo de 200.000 novas accións por valor de 400.000 euros, unha cifra que para o presidente do Pontevedra, Mauricio Rodríguez, supón un obxectivo alcanzable que axudaría ás maltreitas arcas do club, "non pedimos millóns como outras cidades, para esta cidade é asumible, é un obxectivo doado de acadar".
Rodríguez Boullosa compareceu acompañado do alcalde de Pontevedra e o presidente da Deputación. Os dous mandatarios coincidiron en resaltar que a pesar de non ser o mellor momento no deportivo, se fai necesaria a implicación dos pontevedreses para dotar dun mellor futuro económico ao club, como recoñece Rafael Louzán, "sé que non hai ilusión pola situación deportiva pero o importante é que o club está vivo e se todos arrimamos o ombro podemos facer un proxecto a longo prazo".
Pola súa banda Miguel Anxo Fernández Lores quixo animar a que todos os afeccionados se impliquen na medida que lles sexa posible, "o Pontevedra será no futuro o que os cidadáns e afeccionados queiran que sexa. Eu prefiro 5.000 accionistas de dous euros que non cinco de 100.000 euros ".
Todos os interesados en participar no proceso de ampliación de capital poden dirixirse ás oficinas do club, nos baixos do Estadio Municipal de Pasarón.