Teresa Portela, José Luis Bouza, Víctor Javier Rodríguez e Noelia Suárez proclamáronse campións galegos en Verducido
Por Redacción
Teresa Portela, José Luis Bouza, Víctor Javier Rodríguez e Noelia Suárez proclamáronse campións galegos en Verducido nunha intensa xornada de piragüismo. O Campionato Galego rexistra cifras históricas de participación, con máis de mil embarcacións, e setecentos deportistas. O calendario inclúe un total de 167 probas.
Un dos duelos máis esperados da xornada do sábado foi o que protagonizaron Teresa Portela e Tania Fernández. A subcampiona de Europa demostrou encontrarse en boa forma e superou a lucense en só dous segundos. Nesta proba do K-1 500 metros, a padexeira do Ría de Aldán cumpriu coa condición de favorita. A compoñente do Club Fluvial de Lugo tivo que esforzarse para asegurarse a segunda posición ante a presión de Ana Varela, do Kaiak Tudense, que ocupou a terceira praza a pouco máis dun segundo da lucense.
José Luis Bouza, do Kaiak Tudense, mostrouse contundente na proba de C-1 1.000 metros. O seu triunfo, con máis de tres segundos de vantaxe sobre Diego Romero, do Breogán do Grove, así o demostra. A diferenza estableceuse ao final, xa que ambos os dous marcharon igualados a maior parte da regata. O terceiro foi José Manuel Sánchez, do Club Náutico Ría de Betanzos.
O Kayak Tudense acaparou o podio na modalidade de K-1 1.000 metros. Os tres primeiros lugares foron para os compoñentes do equipo campión de España. Víctor Javier Rodríguez Rodríguez superou por escasa marxe a Gabriel Pavón. Roi Rodríguez Huertas foi o terceiro na liña de chegada.
Na especialidade de C-1 500 metros, Noelia Suárez, do Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, foi a dominadora con autoridade. Superou a Jennifer Díaz, do Kaiak Vigo, que foi segunda, e a María García, do Náutico Firrete, que foi terceira.
O Campionato Galego cumpriu a súa primeira xornada nas distancias de 1.000 e 500 metros. Para a xornada do domingo quedan as probas de 200 metros. A competición continuarase ás nove da mañá e finalizará ás seis da tarde. Ademais das probas individuais, tamén se disputarán as regatas de barcos de equipo.