Teresa Portela, Paulino Outeiro, André Oliveira e Rebeca Vázquez, triunfadores na segunda xornada do Campionato Galego de Pista
Por Redacción
O Kaiak Tudense, por equipos, Teresa Portela, Paulino Outeiro, André Oliveira e Rebeca Vázquez, foron os triunfadores na segunda xornada do Campionato Galego de Pista que se clausurou en Verducido. A competición rexistrou a presenza de 34 clubs, máis de mil embarcacións, setecentos deportistas e disputáronse 167 regatas ao longo de dous días. Nunca antes se lograra estas cifras.
O Kayak Tudense superou na clasificación por puntos ao Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, que foi segundo. Os tudenses sumaron 2.078 puntos por 1.578 os pontevedreses. O Club de Mar Ría de Aldán Hermanos Gandón foi terceiro con 1.332 puntos. A continuación clasificáronse o Club Náutico de Pontecesures e o Club As Torres Romería Vikinga.
Teresa Portela logrou o seu segundo título galego en dous días ao impoñerse con grande autoridade na proba de K-1 200 metros. A padexeira do Ría de Aldán Hermanos Gandón volveu dar unha mostra do seu talento e autoridade. Tania Fernández, do Fluvial de Lugo, que foi segunda, e Carla Pérez, do Kaiak Tudense, que logrou a terceira praza, non puideron alcanzar a súa grande adversaria. Teresa Portela superounas por máis de tres segundos na liña de chegada.
Na modalidade de K-1 200 metros, Paulino Outeiro, do Club Náutico O Muiño de Ribadumia, proclamouse campión. Pero tivo que loitar a fondo para impoñerse a Joan Ardit e Gabriel Campo, ambos os dous do Kaiak Tudense. A diferenza entre os tres na chegada foi de menos dun segundo, unha mostra da grande igualdade que existiu na proba.
André Oliveira, do Club Náutico Firrete, logrou a vitoria en C-1 200 metros. Tamén debeu emplearse a fondo. Adrián Siero, do Club Escola de Piragüismo Poio Conservas Pescamar, e Yeray Picallo Vila, do Club Náutico Firrete, non llo puxeron doado.
Na categoría feminina a triunfadora foi Rebeca Vázquez do Club Náutico Firrete, por diante de Noelia Suárez, do Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, e María García, tamén do Firrete.
As probas do Campionato Galego de Pista completáronse coas modalidades de barcos dobres e tamén cos C-4 e K-4. En todas as regatas houbo unha grande emoción.
O encoro de Verducido será o escenario onde o próximo fin de semana se dispute o Campionato de España de pista de verán. Á cita están convocados todos os clubs nacionais, polo que se espera unha gran presenza de deportistas e afeccionados. A Federación Galega de Piragüismo será a encargada da organización dunha competición que finalizará o domingo pola mañá. Quedan por establecer os horarios definitivos.