O Pontevedra C.F. mantén a venda de accións a persoas que non teñen dereito de subscrición
Por Ramiro Espiño
Segue a polémica en torno ao proceso de ampliación de capital do Pontevedra, C.F., S.A.D. A pesar da denuncia efectuada por subscritores e accionistas a través de PontevedraViva o pasado 31 de maio, o Club mantén a súa decisión de continuar vendendo accións na primeira fase a persoas que non teñen dereito de subscrición, segundo o disposto no anuncio publicado no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil.
Recordemos que segundo o devandito aviso legal, que publicamos novamente (ver foto), "los accionistas disponen de un plazo de un mes a contar desde la publicación del presente anuncio para ejercitar su derecho de suscripción preferente, pudiendo suscribir un número de acciones proporcional al valor nominal de las que posean".
Iso significaría en opinión das persoas que de novo denuncian a situación que durante ese primeiro mes, entre o 13 de maio e o 12 de xuño próximo, unicamente as persoas que teñan a condición de accionistas con anterioridade á ampliación de capital, teñen dereito á compra de accións novas, non estando previsto en ningún caso que poida facerse ningún tipo de reserva para terceiras persoas.
A pesar diso, un afeccionado fíxonos chegar o sucedido na mañá do luns, día 10 de xuño, ao dirixirse á Sucursal do Banco Etcheverría, na rúa Sagasta de Pontevedra, entidade designada polo club para efectuar o ingreso das cantidades invertidas na compra de accións. Segundo o denunciante, ao chegar á entidade bancaria simplemente se lle preguntou se era accionista ou non. Ao contestar que si o era, e sen comprobación ningunha, se lle aceptou o ingreso de 40 euros, importe, que correspondería coa compra de 20 accións novas coa súa correspondente prima de emisión.
Non obstante, ao comprobar que no texto do documento de ingreso, que acompañamos a esta información, non figuraba concepto do ingreso, requiriu o empregado que o atendeu que o fixese constar, cousa que fixo engadindo de forma manual a expresión "Venda accións (20)".
O que o afeccionado denuncia como suposta irregularidade na admisión por parte da Entidade Bancaria do ingreso, así como do Pontevedra C.F. por admitilo, é o feito de que ao ser propietario de só unha acción antiga, non tería dereito algún de subscrición nesta primeira fase do proceso de ampliación, xa que segundo as condicións fixadas no acordo de ampliación, corresponde o dereito a unha acción nova por cada catro antigas, polo que este afeccionado, para poder adxudicarse as 20 accións asignadas no documento de ingreso, debería ser titular de polo menos 80 accións antigas.
Relacionadas:
-
Só 43 dos actuais accionistas do Pontevedra participaron na primeira fase de ampliación de capital
Por Redacción |
-
O Pontevedra pide aos investidores que autoricen por escrito a súa compra de accións
Por |
-
O Pontevedra intenta defenderse ante a acusación de supostas irregularidades no proceso de ampliación de capital
Por Ramiro Espiño |
-
Denuncian supostas irregularidades na ampliación de capital do Pontevedra C.F.
Por Ramiro Espiño |