A selección galega dirixida por Quique Domínguez, rival do Cisne no XXV Memorial Luaces
Por Redacción
Quique Domínguez regresa a Pontevedra. Será á fronte da selección galega masculina, o rival que terá o Cisne na vixésimo quinta edición do torneo Memorial Luaces.
O partido entre ambos xogarase este venres 28 de decembro, a partir das 20.15 horas, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Ver en acción a Galicia xa é unha das tradicións do Nadal no balonmán galego, o que nos permite volver a ver en acción a grandes xogadores que actualmente están xogando noutros equipos españois ou do resto de Europa, xunto cos deportistas dos clubs galegos.
Así, estarán David Chapela (Cangas), Borja Méndez (Anaitasuna), José Manuel Rial Ricoy e Jorge García Lloria (Teucro), Manuel Ángel Iglesias Castro (Sinfín), Roberto Sánchez (Chapela), Gonzalo Carró (Bada Huesca), Manuel Martínez Vicente, Paulo Dacosta Flores e Pedro Iglesias Aymerich (Atlético Novás), Carlos Pombo (Lavadores), Alejandro Pombo (Villa de Aranda), Iago Cuadrado (Ourense), Carlos Durán (Embutidos Lalinense) e Duarte Batán (Torrelavega).
O memorial terá, ademais, unha vertente solidaria. Co obxectivo de que ningún neno quede sen agasallo este Nadal, o Cisne pide que cada asistente traia un peluche.
Con todos eles, quérese facer unha choiva de peluches no descanso do partido. Os xoguetes serán entregados a unha ONG.