O trofeo Entre Pontes queda na casa coa vitoria do Ciudad de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
A emoción do piragüismo volveu ao río Lérez pola porta grande. Máis de medio milleiro de piragüistas participaron este domingo na primeira edición do trofeo Entre Pontes, disputado entre a desembocadura do río Lérez nas Corbaceiras ata a praia fluvial.
A vitoria, ademais, quedou na casa. Foi para o club organizador, a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, que se impuxo como mellor equipo ao Club Naval de Pontevedra, que foi segundo; e ao Club de Mar Ría de Aldán, que completou o podio da proba.
Os pontevedreses foron os que acumularon máis puntos nas categorías xuvenil, senior e veterano, nas modalidades K1, K2, C1 e C2. Todas elas disputáronse sobre unha distancia de 7.500 metros.
En canto ás clasificacións individuais ou por parellas, a dupla formada por Brais Sánchez e Rubén Pazos (Piragüismo Vilaboa) levou o triunfo no K2 sénior, por diante de Breogán Monteagudo e Roberto Abal (Naval Pontevedra) e Breixo Buján e Diego Castro (Piragüismo Vilaboa).
Pola súa banda, na proba feminina as primeiras clasificadas foron Fátima Ordóñez e Antía Santiago (As Torres), que se impuxeron ás súas compañeiras de equipo Ángela Baulde e Natividad Busto. A terceira praza foi para Araceli Menduiña e María Rodríguez (Ría de Aldán).
Na modalidade de C2 a vitoria foi para Roi Carballeda e Roi Baulde (As Torres), que se impuxeron á parella formada por Adrián Fernández e Miguel Fernández (Breogán do Grove) e pola dupla Borja Carro e Federico de la Peña (E.P. Ciudad de Pontevedra).
O triunfo no K1 sénior nesta ocasión foi para Antonio Palmás (Piragüismo Vilaboa), que estivo acompañado no podio por Ion Carballos (Naval Pontevedra) e Antonio Rey (Náutico Firrete); mentres que Damián González (Piragüismo Verducido) levou a medalla de ouro en C1 sénior, seguido de Alejandro Rodríguez e Omar Pinzón, ambos os dous do Fluvial de Lugo.
Laura Pérez (Ría de Betanzos) foi primeira en K1 muller sénior, superando en liña de meta a Covadonga Carballido (Ría de Aldán) e Sabela Castro (Cidade de Lugo); e en C1 gañou María de la Peña (E.P. Ciudad de Pontevedra), por diante de Raquel Dacosta (As Torres) e Sara Abilleira, tamén do E.P. Ciudad de Pontevedra.
Os resultados completos do trofeo Entre Pontes pódense consultar nesta ligazón.