A Sergio Vega sóbranlle dous quilómetros na Clásica Xavi Tondo
Por Redacción
O Super Froiz segue dando mostras de melloría a cada proba que pasa. Preto estivo da súa primeira vitoria na Copa España grazas á gran actuación de Sergio Vega na terceira edición da Clásica Xavi Tondo, disputada en Tarragona.
Protagonizou unha fuga que a punto estivo de frutificar. Foi neutralizada a tan só dous quilómetros da liña de meta.
Foi unha carreira, disputada sobre 170 quilómetros e a un ritmo moi rápido, na que se produciron ata tres escapadas.
A primeira foi ao principio de carreira e estivo ben controlada polo pelotón, sendo absorbida pouco antes de metade de carreira. Un segundo intento produciuse poucos quilómetros despois pero tampouco tivo éxito.
Foi no segundo paso polos altos de montaña onde se marcou máis a carreira. No Coll de Lila fuxiu un grupo de 30 unidades no que ía Sergio Vega. Atacou pero non conseguiu irse e foi no descenso do porto xunto a Sovva Novikov (Lokosphinx) onde se produciu un corte e ambos os dous corredores colleron vantaxe sobre o grupo perseguidor.
Ao final, foron alcanzados a dous quilómetros do final e a clásica resolveuse ao sprint dese grupo de 30 corredores, no que Vega como escalador non tivo opcións.