Un derbi ante o líder para medir o nivel do Arxil
Por Redacción
Ata onde pode chegar esta tempada o Club Baloncesto Arxil? Esa resposta pode empezar a responderse este sábado (18:30 horas) no pavillón vigués de Navia.
As verdes visitan ao líder da categoría, o Celta Zorka, despois de catro triunfos consecutivos para medir o seu bo momento de forma e tentar confirmar que pode pelexar por entrar nos catro primeiros postos.
O conxunto celeste manda con autoridade o grupo con 13 vitorias e só dúas derrotas, aínda que a última produciuse a pasada fin de semana na cancha do Ensino lugués, mentres que o Arxil é sétimo (9-6) a dous triunfos do play-off.
Ana Román é a principal dúbida nas pontevedresas despois de dous encontros sen poder xogar, aínda que se confía na súa recuperación para contar con todo o plantel dispoñible para a cita.
Tamén o Celta conta coa incógnita do estado físico de Minata Keita e de se xogará Sarah Ogoke, afectada por problemas burocráticos.