David Chapela, mellor deportista universitario do ano para a Universidade de Vigo
Por Redacción
O Teatro Principal de Pontevedra será escenario o vindeiro martes 28 de novembro da Gala do Deporte da Universidade de Vigo, na que será recoñecidos os logros e a traxectoria dun total de 30 persoas e colectivos.
O principal premio será para o pontevedrés David Chapela, xogador do Balonmán Cangas na Liga Asobal e estudante de Ciencias da Educación e o Deporte, que será homenaxeado como mellor deportista universitario do ano.
No acto tamén se fará entrega dos Premios Excelencia Deportiva, cos que a entidade académica recoñece aos alumnos e alumnas que destacan tanto pola súa excelencia académica como pola deportiva. É o caso da loitadora pontevedresa Lydia Pérez Touriño, ademais dos taekwondistas Lia de Araújo e Alejandro Losada, o atleta Adrián Pérez e os tiradores de esgrima Ignacio Francisco Pastor e Natalia Rodríguez.
Na XXVI Gala do Deporte haberá espazo tamén para agradecer o seu esforzo aos 13 deportistas que, representando á Universidade de Vigo, lograron unha medalla nos Campionatos de España Universitarios. Neste apartado atópanse, entre outros, o loitador pontevedrés Pablo García, os taekwondistas Iván García e Pablo Fernández do Mat's de Marín ou a atleta Leticia Fernández.
Outros premios serán o que se outorgará á Asociación Xoán XXIII no Premio Valor Solidario, ou o Premio Vida para o triatleta veterano Manuel Cruces. Ademais recoñecerase o traballo de base da Sociedad Gimnástica de atletismo, do profesor José Luis García Soidán e outorgarase unha mención á xogadora internacional do Guardés de balonmán Estela Doiro.
En canto ao deporte federado as honras recaerán ao club Universidade de Vigo-Escola Xadrez Pontevedra, campión da Liga Galega, ao xadrecista Manuel Pena e ao deportista de orientación Brais Piñeiro.
O acto no Teatro Principal de Pontevedra estará presentado pola xornalista Marga Pazos e contará cunha madriña de luxo, a ex-tenista profesional Lourdes Domínguez.