A Universidade de Vigo premia os seus mellores deportistas do ano
Por Redacción & Mónica Patxot
A XXVI Gala do Deporte da Universidade de Vigo foi protagonista este martes no Teatro Principal de Pontevedra.
Foi unha bonita gala na que a institución académica premiou o esforzo dunha trintena de persoas e colectivos en base ao seu compromiso, traballo en equipo, constancia, procura da excelencia, solidariedade ou a promoción de estilos de vida saudable.
O principal galardón, o de mellor deportista universitario do ano, recibiuno o pontevedrés David Chapela, xogador do Balonmán Cangas na Liga Asobal.
"Son un exemplo para a sociedade", sinalou o vicerreitor do campus Juan Manuel Corbacho en relación aos premiados, salientando a aposta da Universidade pola práctica deportiva como "parte integral da formación persoal".
O acto estivo conducido pola xornalista Marga Pazos e contou coa ex-tenista profesional Lourdes Domínguez como madriña de excepción e a presenza de autoridades como a Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, ou o deputado provincial Carlos López Font.
A entrega de recoñecementos empezou polos deportistas que, representando á Universidade de Vigo, lograron unha medalla nos Campionatos de España Universitarios, entre os que se atopaban o loitador pontevedrés Pablo García, os taekwondistas Iván García e Pablo Fernández do Mat's de Marín ou a atleta Leticia Fernández.
En relación ao deporte federado as honras recaeron no club Universidade de Vigo-Escola Xadrez Pontevedra polos seus resultados e tamén polos seus valores solidarios, no xadrecista Manuel Pena e no deportista de orientación Brais Piñeiro. Outros colectivos e deportistas premiados foron a Asociación Xoán XXIII no Premio Valor Solidario, o Premio Vida para o triatleta veterano Manuel Cruces, a Sociedad Gimnástica de atletismo, o profesor José Luis García Soidán e a xogadora internacional do Guardés de balonmán Estela Doiro.
Os últimos en subir ao escenario foron os gañadores dos Premios Excelencia Deportiva, cos que a entidade académica recoñece aos alumnos e alumnas que destacan tanto pola súa excelencia académica como pola deportiva. Foi o caso da loitadora pontevedresa Lydia Pérez Touriño, ademais dos taekwondistas Lía de Araújo e Alejandro Losada, o atleta Adrián Pérez e os tiradores de esgrima Ignacio Francisco Pastor e Natalia Rodríguez.
A Gala do Deporte da Universidade de Vigo completouse coas actuacións da compañía de Pablo Méndez e do Coro do Campus.