O Concello planea transformar a cafetería do campo de fútbol da Xunqueira en oficinas para os clubs
Por Diego Espiño
É aínda un proxecto "en fase de estudo", recoñece o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, pero que busca completar os investimentos en equipamentos deportivos da cidade previstos coa construción e reforma de campos de fútbol ou a renovación do pavillón multiusos.
O Concello anunciou que traballa nun proxecto para dotar de oficinas aos equipos de fútbol base que desenvolven a súa actividade na Xunqueira.
A idea baséase na "transformación do que foi a cafetería do campo de fútbol da Xunqueira I en oficinas para clubs deportivos", asegurou o edil, que presentou o proxecto este martes ás entidades deportivas acompañado da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
En concreto planéase aproveitar a actual estrutura de cafetería e realizar unha ampliación cunha nova nave que permita instalar ata seis oficinas e unha sala de reunións, ata contar cun total de 182 metros cadrados dispoñibles. Esta nova construción situaríase na parte superior da bancada, cun tamaño similar á cuberta que a cobre actualmente e tería acceso independente.
"É unha demanda recollida en anteriores reunións", asegurou á súa vez Anxos Riveiro, coa idea de consultar as necesidades dos clubs antes de pechalo.
O proxecto non conta aínda con orzamento determinado pero "calculamos que andará nos 200.000 euros", sinalou Demetrio Gómez.
Relacionadas:
-
Continúan as reformas do campo de fútbol da Xunqueira
Por Noelia Torres Pintos |
-
Presentan o proxecto do novo campo de fútbol de Campañó
Por Diego Espiño |
-
O campo de fútbol da Xunqueira, a punto
Por Redacción |
-
Reforma integral e "imprescindíbel" para o Pavillón Multiusos da Xunqueira
Por Diego Espiño |
-
O PP insta o Concello a licitar o servizo de bar no campo de fútbol da Xunqueira
Por Diego Espiño |