Positivo inicio de tempada para o Club Voleibol Pontevedra
Por Redacción
Empezou ben o curso o Club Voleibol Pontevedra no inicio da competición das ligas de Primeira e Segunda División galegas, nas que contará esta campaña con cinco equipos.
O principal resultado da fin de semana foi a vitoria do equipo senior feminino, en Primeira División Galega, ao superar ao San Sadurniño (3-1) no pavillón Multiusos da Xunqueira.
O equipo pontevedrés tivo que remontar nun encontro que comezou de maneira irregular e cos erros propios de inicio de tempada. Así cedeu na primeira manga por un apertado 29-31.
Afortunadamente o CVP foi atopando mellores sensacións e pasou a dominar o xogo para terminar facéndose cos tres seguintes sets de maneira clara (25-15, 25-14 e 25-15).
A próxima xornada o Club Voleibol Pontevedra visitará a pista do Dompa Volei, que na primeira xornada caeu derrotado en Teis.