Sofre pero gaña o Cisne a un complicado Amenabar Zarautz (29-28)
Por Redacción
Hai veces que a mellor maneira de contar o que foi un partido é facelo empezando polo final. Gañou o Cisne. Fíxoo con suspense fronte a un correúdo Amenabar Zarautz que foi a remolque case todo o tempo, pero que a punto estivo de rabuñar un punto na última acción que terminou no poste. Para que iso fose posible a razón quizais haxa que buscala no ADN cisneísta, capaz do mellor e do peor, de gañar remontando un partido imposible, como a xornada inaugural en Santander, ou de complicarse a vida noutro que parecía sentenciado bastantes minutos antes de terminar.
Como diciamos, o final define un partido intenso e agónico nos últimos compases. Cando, despois de desperdiciar unha máxima vantaxe de cinco goles, que se repetiría en varios momento do choque, os de Jabato permitiron que o conxunto vasco igualase o marcador a falta de menos de catro minutos, o público local non sabía que o susto non fixera máis que comezar. Primeiro respiraron aliviados cos goles providenciales de Alberto Casares e Álex Chan. O Cisne recuperaba o mando e todo parecía resolto. 29-27 a falta de 1'15".
Nese curto período pasaron moitas cousas. Demasiadas para corazóns brandos. Mikel Iraeta reducía. O balón era do Cisne con só 24 segundos por xogar. Jabato pide tempo morto para preparar xogada e tentar facer que fose a última posesión, asegurando o triunfo, pero a fogosidade de Andrés Sánchez fíxolle cometer a imprudencia de xogala nun lanzamento arriscado que parou o gardameta visitante, deixando aos vascos 14 segundos para unha última acción ofensiva.
Temeuse o empate. Amenabar pediu tempo morto e o Cisne defendeu ben esa última acción, con Javi Vázquez provocando a súa exclusión para impedir o lanzamento de Iraeta. Co reloxo a cero tentouno Olaizola. O seu lanzamento que superou a barreira defensiva branca terminou no pau e o Cisne respirou aliviado, sumando a súa segunda vitoria nos dous primeiros partidos de liga.
O que pasou antes resúmese nun gran partido defensivo do Cisne, que dominou desde o inicio con solvencia, para chegar ao descanso mandando xa por catro (15-11).
A vantaxe ampliaríase a cinco en varias ocasións, con Amenabar facendo a goma, ata colocarse a un gol mediado o segundo tempo (22-21). A partir de aí cada vez que os de Jabato abrían oco, os vascos reaccionaban, chegando a empatar (25-25) antes de entrar no últimos cinco minutos, repetindo igualadas ata o 27-27. O resto queda escrito.
Consulta o acta do partido Cisne-Amenabar Zarautz nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Sinfín desquítase da derrota ligueira e apea ao Cisne da Copa do Rei (35-38)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Máis difícil do que indica o marcador, pero o Cisne gaña con solvencia a Handbol Bordils (36-28)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Acordo coa Secretaría Xeral para que Cisne, Arxil e Voleibol Pontevedra poidan usar o CGTD
Por Diego Espiño |
-
Un Cisne de dúas caras protagoniza a proeza en Santander sorprendendo a Sinfín (26-28)
Por Redacción |
-
Sorteada a primeira eliminatoria da Copa do Rei para Cisne e Teucro
Por Redacción |