Os números do Pontevedra asustan. Gástase 1,5 millóns cunhas perdas de 188.000 euros a pasada tempada na Terceira División
Por Ramiro Espiño
Teatro Principal. Luns 15 de abril. ÿ a data fixada polo Pontevedra para a celebración da súa Xunta Xeral de Accionistas. Serán dúas convocatorias, unha de carácter ordinaria e outra extraordinaria. Pero sen dúbida será a primeira a que atraia todas as miradas, e concentre a polémica, especialmente ao coñecer os números que serán presentados polo Consello de Administración correspondentes á tempada pasada, 2011/2012, na que, recordemos, o club xa militaba na terceira división sen conseguir o ascenso de categoría.
E é que estamos ante números que asustan e que requiren cando menos unha explicación pormenorizada que haberá de dar o actual Consello de Administración. PontevedraViva tivo acceso aos datos, que anticipamos para que os accionistas e afeccionados en xeral saiban con que se van encontrar.
Antes de entrar en detalle, abonde apuntar como datos máis significativos que, dun presuposto aprobado na anterior Xunta de accionistas que roldaba os 900.000 euros, a tempada 2011/2012 pechouse cuns gastos totais de 1.504.520,58 euros e unhas perdas antes de impostos de 188.838,26 euros, a pesar de obter no capítulo de ingresos máis de 500.000 euros polos dereitos de traspaso e formación de Fran Rico.
CONTA DE PERDAS E GANANCIAS 2011/2012 | |
---|---|
Total gastos | 1.504.520,58 |
Total ingresos | 1.326.666,48 |
Perdas do exercicio (antes de impostos) | 188.838,26 |
Da desagregación das diferentes partidas contables encontrámonos con que a perda reflectida sería aínda maior de non se ter producido o ingreso das cantidades xeradas polo traspaso de Fran Rico ao Real Madrid e a súa posterior venda á Granada, que aparece na seguinte partida:
CONTA DE PERDAS E GANANCIAS 2011/2012 | |
---|---|
Ingresos accesorios e outros de xestión corrente | 546.306,28 |
O que equivale a dicir que de non se ter producido este ingreso extraordinario a perda do exercicio superaría os 700.000 euros.
Máis de 1,5 millóns de euros de gasto para non conseguir o obxectivo do ascenso, aínda que dese gasto hai que matizar que só unha pequena parte consta como contabilizada no capítulo deportivo do primeiro equipo. Así destacamos por conceptos as seguintes partidas:
CONTA DE PERDAS E GANANCIAS 2011/2012 | |
---|---|
Consumo de material deportivo | 94.830,60 |
Soldos e salarios de plantilla deportiva | 246.134,02 |
Otros soldos, salarios e asimilados | 103.496,77 |
Servizos exteriores | 675.131,61 |
Sorprende dos datos do cadro anterior a cantidade contabilizada como consumo de material deportivo, que se incrementou dende os 2.015,56 do exercicio anterior, ata os máis de 94.000 do seguinte, mentres que a cantidade destinada ao equipo deportivo, en soldos e salarios, supón aproximadamente só a sexta parte dos gastos totais, cando a parte deportiva é precisamente a única razón de ser da actividade da sociedade.
O que non está analizado nin aclarado é a que corresponde o gasto de 675.131,61 , englobado baixo o epígrafe de "Servizos exteriores" e que vén a supoñer o 45%, case a metade do gasto total do exercicio.
Pero se sorprendentes son algúns dos números que reflectimos, non o son menos as partidas que se recollen no documento que se supón servirá de base para xustificar e presentar o presuposto da tempada en curso 2012/2013, e que ascende a 604.948,27 , cun superávit previsto de 17.399,14 , documento no que, a xeito de exemplo, non aparece cantidade ningunha presupostada por gastos do gabinete de avogados que estivo a asesorar o club no proceso concursal, nin tampouco os honorarios que puidesen corresponder ao mesmo administrador concursal.
Pouco ortodoxo resulta igualmente que se diga que os importes de ingresos e gastos son co I.V.E. engadido, mesturando capítulos que si están afectos ao devandito imposto con outros que non o están, o que dificulta calquera análise, ademais de poñer en dúbida ese superávit previsto, que polas razóns indicadas non pode obterse dunha simple operación aritmética de ingresos menos gastos.
O referido presuposto de ingresos resúmese no seguinte cadro:
ORZAMENTO DE INGRESOS 2012/2013 | |
---|---|
Cuotas de socios | 187.640,00 |
Taquillas primer equipo | 19.206,00 |
Aluguer antena Movistar | 12.861,95 |
Aluguer antena Vodafone | 12.215,76 |
Publicidade/patrocinio | 100.000,00 |
Doazóns | 12.000,00 |
Subvencións | 23.524,56 |
Patrocinio Deputación | 180.000,00 |
Ingresos fútbol base | 50.000,00 |
Televisión de Galicia | 7.500,00 |
Total ingresos previstos (I.V.E. engadido) | 604.948,27 |
Do orzamento de gastos unicamente detallaremos os seguintes capítulos:
ORZAMENTO DE GASTOS 2012/2013 | |
---|---|
Salarios primeiro equipo xogadores | 136.000,00 |
Salarios primeiro equipo técnicos | 50.500,00 |
Salarios Pontevedra B | 42.750,00 |
Salarios técnicos fútbol base | 36.500,00 |
Salarios oficina Pasarón | 85.732,03 |
Seguro Responsabilidade Civil directivos e altos cargos | 2.452,07 |
Administrador concursal | 0,00 |
Avogados | 1.250,45 |
Destacar que no presuposto non consta tampouco cantidade ningunha prevista en concepto de amortización de débeda ou pagamentos correspondentes ao plan de viabilidade.
En definitiva, números que deberán pasar o escrutinio dos accionistas e que sería conveniente quedasen ben claros para evitar o bochornoso espectáculo vivido na xunta do ano anterior.