Xa está en marcha o quinto torneo internacional Cidade de Pontevedra de xadrez
Por Redacción
Un total de 170 participantes participaron este martes na primeira xornada da quinta edición do torneo internacional Cidade de Pontevedra de xadrez, que se celebra nas instalacións do colexio Los Sauces.
Entre os deportistas, chegados de doce países de tres continentes diferentes, hai trinta titulados internacionais, que fan do torneo pontevedrés un dos máis destacados en España e auténtico pulmón para o xadrez galego.
O Gran Mestre ruso, Vladimir Burmakin, encabeza unha listaxe de xogadores no que aparecen as primeiras espadas de países como Rusia, Bulgaria, Israel, Francia, India ou Portugal.
Entre os españois destaca a presenza do galego Manuel Pena, Mestre Internacional do UVigo-Escola Xadrez Pontevedra que vén de gañar o fortísimo torneo internacional de Andorra, no que ademais conseguiu a terceira e definitiva norma de Gran Mestre.
Moitos nomes de novas promesas soarán con forza neste torneo, subcampións de España como os locais Alberto Portela ou Rubén Fernández, campións autonómicos, campións e campioas de Portugal, un auténtico batallón que tentará despregar o seu mellor xadrez e sorprender aos mestres.
Tamén hai unha notable presenza feminina, coa Gran Mestra rusa Karina Ambartsumova, a Mestra Internacional francesa Anda Safranska ou a Gran Mestra Feminina Mónica Calzetta, sete veces campioa de España absoluta como as principais favoritas.
O novo sistema de competición utilizado este ano, o sistema suízo acelerado, provocou que rompa a tónica xeral da primeira rolda na que de cando en cando algún dos favoritos era sorprendido.
Así, o Gran Mestre serbio Aleksa Strikovic foi derrotado polo galego amateur Javier Cinza. A outra sorpresa da xornada chegaba na mesa 10 co empate do ourensán sub-14, Martín Gómez ante o Gran Mestre francés, Vladimir Lazarev.
Relacionadas:
-
O Gran Mestre ruso Daniil Yuffa, vencedor do V Torneo Internacional de xadrez
Por Redacción |
-
Recta final para o torneo internacional Cidade de Pontevedra de xadrez
Por Redacción |
-
Trinta mestres de xadrez participarán no torneo internacional Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Torneo Internacional da Escola Xadrez Pontevedra apunta alto na súa quinta edición
Por Diego Espiño |