Tres novos barcos pontevedreses, ás finais do Europeo junior e sub-23 de piragüismo
Por Redacción
Seguen os bos resultados do piragüismo pontevedrés no campionato de Europa junior e sub-23 que se está a disputar en Pitesti (Romanía).
As canoistas María Pérez (Náutico O Muiño) e Antía Jácome (E.P. Ciudad de Pontevedra) clasificáronse para a final de C-2 500 metros junior, tras quedar segundas na súa serie. Completaron a proba cun tempo de 02:17.500, só superadas pola parella ucraína.
Tamén estará na final, no seu caso na proba de K-2 500 metros sub-23, a padeeira Camila Morison (Náutico Pontecesures), facendo tándem coa catalá Laia Pelach. Ambas foron segundas na súa serie, cun tempo de 01:54.520, e pelexarán polas medallas.
Algo máis custoulle a Carolina García (E.P. Ciudad de Pontevedra) chegar á final de K-1 500 metros sub-23. Tras quedar terceira na serie preliminar matinal, a pontevedresa foi segunda na súa semifinal e o seu tempo, de 02:13.532, deulle acceso á rolda definitiva.
Quen non tivo sorte é o conxunto español do K-4 500 metros júnior, no que militaba entre outros Luís Rodríguez (Piragüismo Portonovo), que apenas tivo opcións e quedou fóra da semifinal, ao quedar oitavos na súa serie inicial. Entraron en meta cun tempo de 01:35.592.
Natalia García (Breogán do Grove) tampouco estará na final de K-1 500 metros sub-23. Tras clasificarse para as semifinais pola mañá, perdeu todas as súas opcións ao quedar sétima cun tempo de 02:14.708. quedou a máis de catro segundos de entrar na final B.
Pola súa banda, á final B tamén quedou relegada Carla Frieiro (As Torres Romería Vikinga) no K-2 500 metros junior, categoría na que competía xunto coa valenciana Bárbara Pardo. Foron quintas na súa semifinal ao cruzar a liña de meta en 02:01.948. Tres segundos menos lle darían o pase á loita polas medallas.
A xornada tampouco foi boa para Alex Bernárdez (Piragüismo Poio), que quedou lonxe de poder optar a medalla na proba de C-2 500 metros. O pontevedrés e o seu compañeiro, o madrileño Hugo Pedrero, quedaron a pouco máis dun segundo de entrar na final. Foron sextos na súa semifinal cun tempo de 01:53.096.
Relacionadas:
-
Un ouro e dúas pratas, colleita pontevedresa na última xornada do Mundial junior e sub-23 de piragüismo
Por Redacción |
-
Carolina García e Carla Frieiro, prata en K-4 500 metros no Mundial júnior de piragüismo
Por Redacción |
-
Notable estrea dos piragüistas pontevedreses no Mundial junior e sub-23 de Romanía
Por Alejandro Espiño |