Agónica final da Copa de España de fútbol sala en Poio que coroa ao Ourense Envialia
Por Redacción
A Copa de España de fútbol sala feminino tivo este domingo un desenlace acorde á categoría dunha competición que encheu as bancadas do pavillón da Seca durante toda a fin de semana.
O Ourense Envialia proclamouse campión do torneo despois dunha final agónica, que se decidiu na segunda prórroga e cunha emoción máxima vencendo ao máximo favorito e campión do liga, o Futsi Atlético Navalcarnero.
As madrileñas, nun choque moi táctico, comezaron dominando o marcador cun gol de Nerea Moldes os 10 minutos, aínda que as galegas empataban na seguinte acción por medio de Marta.
O ritmo era alto e ningún equipo dábase descanso, co Atlético tomando de novo vantaxe antes do intermedio co tanto de Ju Delgado.
No segundo acto, cunha presión intensa, o Ourense buscou a igualada, pero viuse moi pronto cargado de faltas. Pasaba o tempo e non chegada a igualada, así que arriscou nos minutos finais. As galegas quedaban cunha xogadora menos e todo parecía sentenciado, pero a falta de 14 segundos un penalti transformado por Andrea Carid, con expulsión tamén para as madrileñas, supoñía a igualada.
Así se chegou á prórroga dunha final non apta para cardíacos. Ambos os equipos estaban con cinco faltas pero na primeira metade do tempo extra non houbo movemento. Houbo que esperar ao comezo da segunda para que nunha acción sen aparente perigo Luci taponase un saque da gardameta do Atlético facendo o definitivo 2-3.
O vixente campión loitou ata o final para empatar, con xogo de cinco, pero o Ourense defendeuse con acerto logrando a primeira Copa de España da súa historia.