O Alcorcón acaba co soño do Poio Pescamar en cuartos de final da Copa de España (1-4)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Ao primeiro de vez despídese o Poio Pescamar da 'súa' Copa de España de fútbol sala feminino, que organiza desde este venres no pavillón municipal da Seca.
As vermellas chegaban á cita ilusionadas con facer algo grande, pero a solidez e pegada do Alcorcón terminaron coas súas esperanzas nos cuartos de final (1-4), disputados no medio dun gran ambiente nas bancadas.
Arrincou o partido cun ritmo vertixinoso. En apenas 40 segundos Ale de Paz tivo a primeira ocasión, e as madrileñas respondía inmediatamente nunha acción de Vane Sotelo. Iniciábase así un intercambio de golpes sen consecuencias no marcador.
Aos poucos a intensidade do Alcorcón foi gañando terreo a un Poio nervioso por momentos. Foi así ata que dous erros das vermellas empezaron a decantar o encontro, primeiro no minuto 6 nunha indecisión en área propia que aproveitaba Ana Rivera para facer o primeiro gol do partido, e catro minutos despois unha perda de balón de Jenny cando era a futbolista máis atrasada do equipo serviu en bandexa o segundo tanto, obra de Isa García.
Foi un xerro de auga fría para as xogadoras adestradas por Marcio Santos e tamén para a bancada, aínda que o Poio Pescamar, pasados uns minutos de confusión, seguiu tentándoo con vontade. Puido Ale de Paz meter ao seu equipo no encontro cun man a man, pero a gardameta madrileña Belén liquidou a acción.
Así se chegaría ao descanso. Xa no segundo tempo as pontevedresas querían dar a volta á situación, pero atopáronse co mazazo que supuxo o 0-3 de Vane Sotelo no minuto 23.
Era dono do partido o Alcorcón, cómodo na pista, e as poucas ocasións importantes das pontevedresas abortábaas con autoridade Belén en portería. Había que cambiar algo e Marcio optou polo xogo de cinco a falta de máis de 7 minutos.
O tempo pasaba e o Alcorcón defendíase con acerto, ata que nunha rápida transición Patri Corral recortaba distancias, a case tres minutos do final, e volvía acender as esperanzas da parroquia local. Con todo o cadro 'alfarero' non se puxo nervioso controlando as acometidas vermellas ata que Anita Luján, case na última acción do encontro, poñía o definitivo 1-4.
En canto ao resto de partidos de cuartos de final, a xornada de competición arrincou ben cedo co máximo favorito ao título, o Futsi Atlético de Madrid, vencendo ao Majadahonda (3-1). Tras ese encontro o Universidad de Alicante superou con contundencia ao Jimbee Roldán (7-1) e xa pola tarde o Ourense Envialia desfíxose do Burela no derbi galego (3-2).
Desta forma as semifinais do sábado enfrontarán a Futsi Atlético de Madrid e Alcorcón (18:00 horas) por unha banda e a Universidad de Alicante e Ourense (20:00 horas) pola outra.
POIO PESCAMAR (1): Silvia, Ale de Paz, Jenny, Ceci, Jessi -cinco inicial- Charo, Patri Corral, Caro, Suki, Yoli.
AD ALCORCÓN FSF (4): Belén, Anita Luján, Desi, Isa García, Vane Sotelo -cinco inicial- Clara, Ana Rivera, Marta de Diego, Irene Samper, Vadillos.
Goles: 0-1 Ana Rivera (min.6), 0-2 Isa García (min.10), 0-3 Vane Sotelo (min.23), 1-3 Patri Corral (min.36), 1-4 Anita Luján (min.40).
Incidencias: Partido de cuartos de final da Copa de España de fútbol sala feminino disputado no Pavillón Municipa da Seca con cheo absoluto nas bancadas.
Relacionadas:
-
Poio Pescamar apunta alto e logra a fichaxe da máxima goleadora de primeira división, Iria Saeta
Por Redacción |
-
Agónica final da Copa de España de fútbol sala en Poio que coroa ao Ourense Envialia
Por Redacción |
-
Poio empeza a sentir a emoción da Copa de España de fútbol sala
Por Diego Espiño |
-
Poio Pescamar pecha a súa mellor tempada en primeira goleando a Rioja (5-1)
Por Redacción |
-
Os abonos para a Copa de España de fútbol sala custarán 18 euros
Por Diego Espiño |
-
O descendido Rubí sorprende (3-1) a un Poio Pescamar que se despide da cuarta praza
Por Redacción |