Segundo posto para o Breogán do Grove na Copa de España de Piragüismo en Verducido
Por Redacción
A pista de piragüismo David Cal Pontillón do Castro, en Verducido, foi escenario durante a fin de semana da Copa de España de 200 e 500 metros, preludio do campionato nacional que acollerá o próximo mes de xullo nas instalacións.
Un total de 472 padexeiros de 75 clubs, 26 deles galegos, tomaron parte nas dúas xornadas de competición, nas que un dos grandes animadores foi o Breogán do Grove grazas ás súas sete medallas, con dous ouros, dúas pratas e tres bronces.
O club meco concluíu a Copa de España na segunda posición da clasificación por equipos cun total de 746 puntos, polos 1.087 do gañador, o Piragüismo Aranjuez. Completou o podio o Náutico de Sevilla con 595 puntos. Así na xeral da liga Nacional o Breogán sitúase terceiro con 296 puntos, só superado por Aranjuez (309 puntos) e Kayak Tudense (305 puntos).
Ademais o piragüismo pontevedrés gozou de protagonismo a nivel individual, con Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) campioa no C-1 200 ou María Pérez (O Muíño) na canoa de 500 metros.
Jácome logrou tamén o ouro no C-2 xunto á súa compañeira Jenifer Casal, mentres no K-2 xuvenil levaron a vitoria Luís Rodríguez e Francisco Silva (Piragüismo Portonovo).
Tamén se rexistraron triunfos na categoría de paracanoe, na que Elena Naveiro (Breogán) impúxose no K1 L3 200 metros.
Relacionadas:
-
O Descenso do Miño de piragüismo, para o Ciudad de Pontevedra
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo báñanse en bronce na Copa do Mundo de Szeged
Por Redacción |
-
Quinto posto para Adrián Sieiro e Sergio Vallejo na Copa do Mundo de Szeged
Por Redacción |
-
Verducido acolle a súa primeira gran competición do ano de piragüismo en pista
Por Diego Espiño |
-
Tripla medalla pontevedresa na Copa do Mundo de Piragüismo de Montemor O Velho
Por Redacción |