Antonio García, un pontevedrés na elite da apnea nacional
Por Redacción
Ten 44 anos, e despois de tres apartado das competicións de apnea polo nacemento da súa filla, volveu pola porta grande no Campionato de España Indoor celebrado na Coruña.
Nunha disciplina dura física e mentalmente polo esforzo que se realiza debaixo da auga sen poder respirar, Antonio García proclamouse contra prognóstico campión de España de apnea dinámica. Contra prognóstico porque competía ante deportistas máis novos que el e con máis tempo para afinar a súa preparación.
"Ni en mis mejores sueños", recoñece despois de completar 200 metros baixo a auga coa axuda de aletas, co premio de lograr a súa clasificación para o Campionato de Europa que se celebrará en xuño na localidade italiana de Cagliari.
Aínda por riba Antonio García, que xa fora campión nacional en 2012, logrou un metal máis, unha medalla de prata en apnea dinámica sen aletas cunha marca de 141,10 metros.
A boa actuación do pontevedrés completouna dentro do equipo galego, que se proclamou subcampión por detrás de Cataluña.
Ao Campionato de España Indoor de Apnea acudiron deportistas de seis comunidades autonómas nunha competición que se celebrou os días 13 e 14 de maio nas instalacións do Club San Amaro da Coruña.