Positiva experiencia para o Pontevedra Fútbol Gaélico coa Selección Galega
Por Redacción
Foi unha data histórica para o fútbol gaélico autonómico e o equipo do Pontevedra FG puido formar parte da experiencia.
Catro futbolistas do seu equipo feminino participaron no partido amigable entre a Selección Galega e Francia disputado en Ourense, coas cámaras da Televisión de Galicia en directo.
Cristina Magariños, María Crespo, Nuria Tilve e Carme Reboreda colaboraron no empate que Galicia conseguiu demostrando a súa progresión. Carme e María mesmo anotaron un tanto nun marcador final que foi de 5-13 a 5-13.
Tamén competiu a Selección Galega masculina, na que estaba convocado o pontevedrés Gonzalo Cerviño, aínda que no seu caso o resultado non foi tan positivo ao perder Galicia ante o potencial dos galos, que se impuxeron 17-50.
Tras a positiva experiencia, o Pontevedra Fútbol Gaélico volve esta fin de semana á competición doméstica cun dobre enfrontamento ante o Estrela Vermella en Santiago de Compostela, o sábado (19:00 horas) para o equipo feminino e o domingo (19:00 horas) para o masculino.