Un emocionante final de tempada para o Pontevedra Fútbol Gaélico
Por Redacción
Último esforzo da tempada para o Pontevedra Fútbol Gaélico, cuxo equipo feminino asegurou xa o segundo posto da Liga Galega.
Conseguiuno tras gañar por un axustado 7-15 (36) a 8-8 (32) ás Irmandinhas da Estrada despois de chegar ao descanso por detrás no marcador. Esa posición en liga leva ademais premio, xa que lles permitirá acudir en outubro ao Campionato de Europa que terá lugar en Maastricht.
O Pontevedra Fútbol Gaélico xa viña de conseguir un terceiro posto na Copa Galega na Estrada.
Agora o equipo pontevedrés afrontará o último partido de liga en casa ante Herdeiras de Dhais, de Lalín, como preparación para a xornada do Campionato Ibérico que se organizará o 3 de xuño na Coruña.