O Unión Grove dispárase na táboa, o Sanxenxo cae e o Portonovo segue nunha lea
Por Redacción
Sétimo na táboa do Grupo Sur de Preferente está xa o Unión Grove, que segue coa súa escalada tras impoñerse no Monte da Vila ao Erizana (3-2).
O equipo meco estivo a piques de desperdiciar unha importante renda de tres goles ao seu favor, pero puido finalmente cortar a reacción visitante para asegurarse os tres puntos en xogo.
Carlos Besada adiantou ao Grove aos 9 minutos, mentres Caamaño aos 22 facía o segundo nun gran inicio local. A expulsión dun xogador do Erizana e o 3-0, obra de Diego Blanco aos 39 minutos, parecía deixar sentenciado o partido, pero non foi así.
Tras o descanso os locais baixaron a intensidade e viron como o seu rival recortaba distancias con dous goles no 63 e 66. A situación empeorou ao quedar o Grove tamén con 10 pola segunda amarela a Besada, pero lograron defenderse con acerto no tramo final do encontro.
Consulta aquí a acta do Unión Grove-Erizana.
Derrota o Xunvetú Sanxenxo na casa, ao verse sorprendido pola eficacia do Mondariz (1-2).
Os amarelos non tiveron o seu mellor día e viron como o equipo visitante distanciábase no primeiro tramo do choque con dous goles de Castillo, o segundo de penalti no minuto 28.
Tentou reaccionar o Sanxenxo, pero non foi ata o minuto 85 cando Javi Nogueira, tamén de penalti, conseguía recortar distancias e poñer emoción aos minutos finais.
Os de Óscar García caen á duodécima praza da táboa con 37 puntos.
Consulta aquí a acta do Xuventú Sanxenxo-Erizana.
Non consegue levantar cabeza o Portonovo, que coa súa derrota no campo do Estradense (3-1) asómase ao abismo. Aínda que aínda fóra dos postos de descenso directo, os de Borja Burgos contan só con tres puntos máis que o pechacancelas da competición.
Na Estrada, os arlequinados conseguiron neutralizar por medio de Marcos Blanco antes do descanso o temperán gol inicial dos locais. Con todo na segunda metade víronse superados polo Estradense, que sentenciou no tramo final do choque.