O Portonovo cae a postos de descenso, tropezo do Unión Grove e empate do Sanxenxo
Por Redacción
Cruel xornada para o Portonovo na súa loita por manter a categoría no Grupo Sur de Preferente. Un penalti no último minuto de partido supuxo unha inxusta derrota no campo do Erizana (2-1) que lle fai caer a postos de descenso directo.
Os arlequinados víronse por baixo no marcador ao cuarto de hora cun gol de Zamorano para os locais, pero reaccionaron antes do descanso para lograr a igualada por medio de Nico.
No segundo acto o choque puido decantarse cara a calquera dos dous equipos, rivais directos pola permanencia, pero fíxoo a favor dos locais afundindo un pouco máis aos de Borja Burgos.
Coa derrota o Portonovo é agora antepenúltimo con 26 puntos.
Consulta a acta do Erizana-Portonovo.
A situación do Portonovo viuse agravada un pouco máis dentro da súa xornada negra polo inesperado tropezo do Unión Grove ante o que pechacancelas como colista da competición, o Polígono San Ciprián (2-0).
O cadro meco viuse superado por un rival necesitado de puntos que se adiantou á media hora de xogo e sentenciou nos últimos minutos, cando o Grove buscaba a igualada.
Pese á derrota o Unión Grove mantense na sétima posición con 40 puntos.
Consulta a acta do Polígono San Ciprián-Unión Grove.
Atípico empate sen goles en Baltar de Arriba entre Xuventú Sanxenxo e Estradense, nun encontro que gozou de ocasións claras para ambos os dous equipos.
Vladi nos locais e Diego Álvarez nos da Estrada sostiveron aos seus con boas actuacións baixo paus e o choque concluíu co empate inicial.
O Xuventú Sanxenxo é agora undécimo na clasificación con 38 puntos.