Decembro tamén é mes de piragüismo no Río Lérez
Por Diego Espiño
A Ría de Pontevedra, desde a praia fluvial do Lérez ata o areal de Lourido, converterase o vindeiro sábado 17 de decembro nun gran escenario deportivo coa celebración do II Trofeo Rías Baixas de piragüismo.
No seu segundo ano de vida, a competición cambia da ría de Arousa á de Pontevedra experimentando un gran crecemento desde os 250 deportistas inscritos o pasado ano ata os 460 do actual de 25 clubs galegos, para un total de 115 embarcacións K-4 e C-4 nas categorías senior, junior e cadete.
Esta progresión, nun mes pouco habitual para regatas de piragüismo, fai pensar á Federación Galega de Piragüismo en "incluílo o ano que vén no calendario nacional", recoñeceu o seu presidente, Alfredo Bea, no que supón "unha gran festa" coa que arrincar a tempada deportiva.
A competición contará cun percorrido de preto de 10 quilómetros, con saída e chegada na praia fluvial pontevedresa tras descender polo tramo urbano do río ata a Lourido e volta.
A saída, coas piraguas na area, producirase ás 16:00 horas para as categorías senior masculina e feminina e ás 17:00 horas será quenda da competición junior e cadete.