Preocupación no campo de golf de Meis polas diferenzas entre comuneiros e a fundación sobre a súa xestión
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Silván, en Meis, puxo en dúbida a viabilidade do campo de golf de Monte Castrove alertando dunha importante caída de ingresos que non só minguou o aluguer que percibe a asociación polos terreos, senón que provocou o recorte de soldo do persoal de traballadores da instalación.
Os comuneiros pretenden debater sobre o futuro do campo na reunión que convocaron cos alcaldes que forman parte da Fundación Monte Castrove (Meis, Pontevedra, Vilanova, Ribadumia, Cambados, Meaño, Sanxenxo e Barro).
Todo isto ocorre cando faltan 10 anos para que expire o convenio de cesión dos terreos, asinado en 1996 entre comuneiros de Silván e a Fundación Monte Castrove.
No medio desta polémica, o club de golf Chan do Fento reclama a cesión da xestión deportiva e comercial ao club para incrementar así os ingresos e o número de socios.
Chan do Fento xa reclamou esta cesión en anteriores ocasións, e sinala que o orzamento do campo de golf é de "absoluto equilibrio", xa que a redución de ingresos "á que non é allea ningún campo de golf coñecido da nosa xeografía" é proporcional á redución dos gastos "co fin de non xerar perdas na xestión económica".
O club asegura non compartir o "alarmismo" xerado sobre o futuro do campo de golf de Meis "como consecuencia do enfrontamento existente entre a actual xestión e o persoal do campo", polo que se ofrecen para buscar unha solución que evite prexudicar á propia instalación e aos usuarios da mesma.