Cidade de As Burgas supera en acerto rematador ao Poio Pescamar (3-1)
Por Redacción
Igualdade en case todo menos no fundamental, o acerto ante o gol e como consecuencia lóxica no marcador final. A escasa puntería do Poio Pescamar pasoulle unha cara factura en forma de derrota na súa visita ao Cidade de As Burgas, nun partido equilibrado, con protagonismo destacado para a porteira local, Ana Lastra, e para a madeira das porterías dos Remedios, na que se estrelaron ata catro remates (dous por bando).
Marcio Santos, que non puido contar coa súa porteira titular, Silvia Aguete, ao ter que desprazarse a Madrid por exames, contou con Sara para defender a meta do Poio Pescamar, que sacou con nota a complicada papeleta, a pesar dos tres goles encaixados.
As ourensás adiantáronse moi pronto, cun remate cruzado de María Arias nunha boa transición ofensiva, a pase de Nerea.
Puido empatar o Poio pouco máis tarde cando Charo peiteou de cabeza un balón en longo, pero o seu remate foise ao poste. O Poio dominaba e creaba perigo, pero estrelábase unha e outra vez con Ana Lastra, moi atenta mesmo en accións nas que tiña que saír da súa área para cortar os ataques visitantes.
O conxunto local cedía a posesión ao Poio, buscando unha contra para ampliar a renda e a punto estuvoi de conseguilo. Ceci salvou baixo paus o remate de Candela. A mesma Candela mandaría outro disparo ao traveseiro, antes de que Ale de Paz culminase unha gran xogada de ataque do Poio rematando ao poste. O mesmo que faría Iria para o cadro local, tras o lanzamento dunha falta ao bordo da área.
Na segunda parte, o Poio Pescamar víase obrigado co paso dos minutos para subir a liña de presión a tres cuartos de pista, pero nin unhas nin outras conseguían perforar a portería contraria facendo bo o tanto inicial de María Arias, ata que nunha rápida contra do conxunto verdibranco iniciada pola súa porteira, recibía no á dereita Figo, a pase de Candela, axustando o seu remate para superar a oposición de Sara.
Con dous goles en contra, Marcio ordenaba o xogo de cinco faltando aínda novo minutos, pero non lle saíu ben xa que tras un disparo a porta rexeitado por Ana Lastra, o balón cae a Sonia Pacios que marca a porta baleira desde terreo propio.
Non se rendeu o Poio, que seguiu loitando, obtendo unha mínima recompensa cun excelente gol de volea de Charo, aínda que sen tempo para soñar coa remontada.
CIDADE DE AS BURGAS (3): Ana; María Arias, Sonia, Iria e Nerea (quinteto inicial). Tamén xogaron, Candela, Figo e Clara.
POIO PESCAMAR (1): Sara; Jenny Lores, Charo, Jessy e Ale de Paz (quinteto inicial). Tamén xogaron, Ceci, Carolina, Patri Corral, Jessy Lores e Suki.
Árbitros: Borja Arco e Miguel Ángel Vidal (Galicia). Amoestaron a María Arias no Cidade de As Burgas.
Goles: (1-0) Minuto 3: María Arias. (2-0) Minuto 28 Figo. (3-0) Minuto 36: Sonia Pacios. (3-1) Minuto 38: Charo.
Incidencias: Pavillón dos Remedios (Ourense). Uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Empate de mérito do Poio Pescamar en Alcorcón (2-2)
Por Redacción |
-
A pegada do líder Atlético Navalcarnero supera a un digno Poio Pescamar (4-0)
Por Redacción |
-
A visita do líder, dura proba para o Poio Pescamar
Por Redacción |
-
Gran vitoria dun sólido Poio Pescamar ante Burela Pescados Rubén (2-0)
Por Redacción |
-
Comeza a fase de competición máis esixente para o Poio Pescamar
Por Redacción |
-
Derrota axustada do Poio Pescamar na cancha do Gironella (2-1)
Por Redacción |