Osasuna B examina a fortaleza do Pontevedra en Pasarón
Por Diego Espiño
Quere esquecer o Pontevedra o tropezo da pasada semana en Valladolid e recuperar en casa o que polo momento está a custar sumar lonxe de Pasarón.
O estadio pontevedrés será escenario este domingo (17:00 horas) da visita do filial do Atlético Osasuna, un rival que encadea catro semanas sen gañar (tres empates) pero que demostrou desde o inicio da competición a enorme calidade que atesouran os seus futbolistas.
Os granates buscarán o seu sexto triunfo consecutivo na casa, onde se están a mostrar intratables, para manterse na zona alta da táboa.
Para eles Luisito contará cunha baixa sensible, a de Mario Barco por sanción. O seu lugar na dianteira ocuparao previsiblemente Mateu Ferrer, na busca dunha oportunidade para reivindicarse.
Ademais os granates contan coa dúbida do estado físico de Jacobo Trigo e David Añón.
O técnico de Teo, como habitualmente fai nos encontros que o equipo xoga en Pasarón, convocou a todos os xogadores dispoñibles.
Por parte do Osasuna B, a súa principal ausencia en Pontevedra será a do defensa Aritz Eguaras, expulsado a pasada fin de semana ante o Celta B.
O choque, primeiro dos tres que o cadro granate debe afrontar nunha semana, será arbitrado polo colexiado o asturiano Leandro Carbajales Gómez