Dous penaltis tomban inxustamente ao Pontevedra en Valladolid (2-1)
Por Redacción
Segue sen coñecer a vitoria a domicilio na presente tempada o Pontevedra. No seu desprazamento a Valladolid mereceu máis, pero o filial valisoletano aproveitouse de dous penaltis, o segundo moi protestado e con toda a aparencia de non existir, para facerse cos tres puntos, nos seus únicos disparos a porta con perigo. Os de Luisito volveron pecar de falta de puntería e fallaron dúas claras ocasións na segunda parte para adiantarse no marcador.
Frío, vento e o peor campo da categoría, como o definiu o técnico granate durante a semana previa ao partido. Con estes ingredientes, difícil "cociñar" un bo pastel. E así foi. Os anexos do José Zorrilla son un campo indigno para a categoría que prexudican por igual a ambos os equipos. Ante a imposibilidade de practicar bo fútbol, as accións a balón parado adoitan ser decisivas, como así foi tamén nesta ocasión. Os tres goles chegaron a balón parado, pero é verdade que o Pontevedra foi o único que xerou perigo en xogada, fallando na finalización, algo que xa comeza a ser tradicional nos seus partidos e que nesta ocasión custoulle regresar sen puntos.
A primeira parte non foi boa. Intensidade, disputa, segundos balóns e dominio alterno. Comezou mellor o Valladolid, que se adiantou grazas a un penalti sinalado polo colexiado aos 25 minutos, ao ser derrubado Higinio por Bruno e que o mesmo Higinio transformou enganando a Edu.
Co marcador en contra o Pontevedra reaccionou. Luisito cambiou de sistema, pasando a xogar un 4-3-3 que lle fixo apropiarse do partido, aínda que con excesivo fútbol directo e escaso perigo.
Esa reacción tivo o seu premio tamén a balón parado, nun corner que non acerta a despexar o meta local, e que Jacobo Trigo remata establecendo o empate.
Co vento a favor na segunda parte, o Pontevedra puido adiantarse na ocasión máis clara de todo o partido, ao pouco de renovarse o xogo, cun balón longo que Jacobo Trigo non puido controlar ben ao tentar regatear ao porteiro local, permitindo a Dani Hernández facerse co coiro.
Houbo que esperar ata preto do minuto 70 para ver de novo algo de perigo. De novo foi o Pontevedra quen o creou e con Mario Barco como protagonista, pero sen acerto no remate, ao cruzar excesivamente o balón, cando estaba en moi boa posición.
Pero as características deste campo fan que calquera acción poida cambiar o signo do partido. Así, cando mellor estaba o Pontevedra, un centro de Mayoral dá na man de Miguel (minuto 75). Aínda que a man dá a impresión de estar completamente pegada ao corpo, o colexiado volve decretar o máximo castigo, a pesar das protestas dos xogadores granates. De novo Higinio é o encargado de transformar, volvendo adiantar ao filial valisoletano.
A partir de aí, o Valladolid B tentou durmir o partido, e o Pontevedra só inquietou nunha falta lanzada por Bonilla que remata de cabeza Jacobo Trigo ao fondo da portería (minuto 81), pero o árbitro invalida o tanto a indicación do seu asistente, sinalando fóra de xogo do propio Jacobo Trigo, consumando unha derrota dolorosa para o equipo galego, que por xogo e ocasións mereceu polo menos un punto.
REAL VALLADOLID B (2): Dani Hernández; Anuar, Calero, Rai, Mario Robles; Manel Royo, Zambrano; Mayoral (Dani Vega, minuto 93), Higinio (Corral, minuto 87), Sinisterra (Marí, minuto 73); e Iván Martín.
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Miguel, Portela, Bruno, Bonilla; Kevin Presa, Jacobo Trigo; Mouriño (Mateu, minuto 57), Abel (Jacobo, minuto 76); Álex González; e Mario Barco.
Árbitro: Alberto Villoria Linacero (Madrid), auxiliado nas bandas por Rubén Nebreda López e Aarón Vázquez González. Amoestou a Mario Robles e Marí, polo Valladolid B, e a Miguel, Abel, Jacobo e Mario Barco, ademáis do adestrador Luisito, polo Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 25: Higinio, de penalti. (1-1) Minuto 30: Jacobo Trigo. (2-1) Minuto 75: Higinio, de penalti.
Incidencias: Anexos José Zorrilla (Valladolid). Uns 350 espectadores.
Relacionadas:
-
Tudela, nova opción do Pontevedra para estrearse fóra da casa
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Remonta o Pontevedra fronte a Osasuna B (3-1) para manter intacto o fortín de Pasarón
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Osasuna B examina a fortaleza do Pontevedra en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
A hora de Mateu Ferrer
Por Diego Espiño |
-
Añón cae da convocatoria do Pontevedra para Valladolid
Por Diego Espiño |
-
Final feliz en Pasarón a un día de festa granate con vitoria (3-0) ante o Lealtad
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Granate polos catro costados: a cea de gala do 75 aniversario, reencontro de varias xeracións
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |