Ampla oferta para un novo curso das escolas deportivas de Poio
Por Redacción
O Concello de Poio mantén aberto o prazo de inscrición para un novo curso das súas escolas deportivas municipais.
O servizo de deportes oferta ata 21 opcións para que os mozos do municipio se inicien na práctica deportiva e nos hábitos de vida saudable.
Mantéñense as escolas de deportes como o fútbol, tríatlon, fútbol-sala, balonmán, baloncesto, taekwondo, baile, xadrez, ver, kick-boxing, kaiak-polo, ximnasia rítmica, piragüismo, tenis, ciclismo, patinaxe e atletismo (lanzamento de xavelina).
Completan a oferta cursos de xogos de iniciación deportiva, actividade polideportiva, ludodeporte e deportes tradicionais (billarda, trompo, etc.).
O custo da inscrición será de 60 euros por neno para todo o curso, cifra que se rebaixa a 50 euros en caso de tratarse de dous irmáns e a 45 euros se son tres ou máis.
As inscricións poden formalizarse na oficina municipal do servizo de deportes de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas, a través do correo electrónico deportes@concellodepoio.org ou no teléfono 986 772 070.