O equipo alevín mixto do Club Waterpolo Pontevedra, campión galego de verán
Por Redacción
Parece que o equipo alevín mixto do Club Waterpolo Pontevedra non ten rival. O seu último triunfo, o logrado este sábado no campionato galego de verán súmase ao de inverno e á liga galega de waterpolo. Un triplete que pecha un ano notable para o club.
O campionato galego alevín mixto de verán disputouse na piscina descuberta do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, coa participación de sete equipos galegos que xogaron un total de dez partidos de mini-waterpolo durante todo o día.
Sen a compañía do sol que se escondía tras unhas inoportunas nubes, acompañado á baixa temperatura da auga, a organización do campionato decidiu de acordo con todos os clubs que os partidos fosen máis curtos.
Así, en cuartos de final o conxunto pontevedrés gañou por 7-0 ao seu equipo B (que tivo unha segunda oportunidade tras perder no seu primeiro partido por 12-0 contra o CW Santiago).
Xa en semifinais, o CW Pontevedra derrotou por 8-1 ao equipo compostelán; mentres que no outro partido a Asociación Coruñesa fixo o propio co CN Coruña por 7-1.
E co sol lucindo en todo o seu esplendor disputouse a final deste campionato, no que o equipo pontevedrés venceu por un claro 6-1 á Asociación Coruñesa.
Foi, en resumo, un bo campionato onde os preto de 100 participantes e os seus familiares gozaron dunha agradable xornada de waterpolo nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, onde os socios presentes tamén gozaron cos partidos e o gran esforzo dos deportistas.
O Club Waterpolo Pontevedra participou de novo cos seus dous equipos. O equipo B, formado polos alevíns máis pequenos e algúns banxamíns, loitou en todos os partidos a pesar de non conseguir ningunha vitoria: Noa Tacón, Hugo Casal, Mateo Amoedo, Carlos Millán, Xela Paz, Pablo Vieites, Paula Millán, Irina Lores, Martín Souto e Manuel Taboada.
O equipo A, formado polos alevíns máis "experimentados", conseguiu a vitoria nunha final que estivo moi disputada ata a metade do partido. A partir de aí os pontevedreses conseguiron romper o marcador para vencer con comodidade nos últimos minutos: Xoel Tubío, Marcos Esgueva, Hugo Arceo, Raúl Martínez, Javi Cousido, Anxo Dacosta, Izaskun Tellería, Rocío Ferreira e Andrea Andión foron os campións do torneo.
Relacionadas:
-
Balance positivo para o Waterpolo Pontevedra tras participar no Campionato de España Xuvenil
Por Redacción |
-
O Campionato de España Infantil, un premio para o Waterpolo Pontevedra
Por Redacción |
-
O waterpolo galego desembarca en Marín
Por Redacción |
-
Waterpolo na Peregrina, proposta do CW Pontevedra para captar socios
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O campionato galego de waterpolo alevín mixto, ao aire libre nas piscinas do Mercantil
Por Alejandro Espiño |