Xornada de baixas no Pontevedra
Por Diego Espiño
Xornada de moito movemento nas oficinas do Pontevedra Club de Fútbol a deste luns, na que unha parte do plantel granate comezou a desfilar polo Estadio Municipal de Pasarón para negociar o seu futuro.
Nalgúns dos casos a decisión de non continuar tíñaa tomada o propio futbolista, pero ata falar cos responsables da entidade non se fixo público.
Desta forma, e a contagotas, o Pontevedra foi confirmando os nomes dalgúns dos xogadores que non continuarán defendendo a elástica granate ao finalizar contrato e non ofrecérselle renovación.
É o caso dalgúns dos homes importantes do ascenso a Segunda B, como Pablo Carnero, Pedro García, Anxo ou Pablo González.
Ningún deles tivo o protagonismo esperado tras o salto de categoría, aínda que algún como o central Pablo González ou Pedro García si contaron con moitos minutos ao longo da tempada. Pola súa banda Pablo Carnero non chegou a ofrecer este ano o seu mellor nivel lastrado polas lesións, mentres Anxo non gozou de continuidade.
Pablo González despídese do club tras catro tempadas, Carnero despois de tres e Anxo e Pedro García tras dous anos na casa granate. Con eles son xa seis os futbolistas que non continuirán en Pasarón a próxima campaña, ao sumarse a Hugo e Antonio Bello. Ademais Quejeiro regresará previsiblemente ao Deportivo, club que posúe os seus dereitos deportivos.
Ata o mércores non están previstas máis reunións con integrantes do primeiro plantel, aínda que se espera que nas próximas horas Jandrín e Company respondan á oferta de renovación que lles trasladou o club.
Relacionadas:
-
David Añón, primeira fichaxe do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Adrián Mouriño, Álex Fernández e Jacobo selan a súa continuidade por un ano máis
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Edu Sousa e Adrián Gómez renovan por unha tempada
Por Diego Espiño |
-
Compás de espera nas renovacións
Por Diego Espiño |
-
Verdú causa baixa e Capi renova co Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra ofrece a renovación a Company e Jandrín
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra negocia un triangular con Celta e Deportivo dentro dos actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño |