Problemas de seguridade obrigan a suspender o III Tríatlon Rías Baixas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A imposibilidade de cortar o tráfico en parte do circuíto de ciclismo obrigou a suspender este domingo a terceira edición do Tríatlon Rías Baixas, primeira que se celebraba en Vilagarcía tras dous anos en Sanxenxo.
Ante o enfado dos máis de 350 triatletas inscritos, os xuíces da Federación Galega de Tríatlon tomaron a decisión de suspender a proba pouco antes das 11:00 horas, tras case hora e media de atraso (a saída estaba prevista para as 9:30 horas) ao non poder garantir a seguridade dos deportistas.
A Garda Civil de Tráfico non autorizou o corte de tráfico en puntos do percorrido ciclista, como a rotonda de acceso á vía rápida en Godos.
O malestar dos atletas foi evidente desde primeira hora, sinalando que pouco antes da hora de saída non estaban preparadas boias na auga da praia da Concha.
No medio da incerteza chegouse a plantexar a opción de acurtar a carreira e realizar só unha volta ao polémico circuíto, pero finalmente non foi posible realizala. O Tríatlon Rías Baixas íase desenvolver en distancia olímpica, con 1.500 metros de natación na praia da Concha, 40 quilómetros en bicicleta e 10 quilómetros a pé.
A organización devolverá o custo da inscrición a todos os deportistas.
Ante a gravidade dos feitos, o club que figuraba como organizador, o GV Sports, quixo aclarar que eles non teñen nada que ver coa organización práctica do III Tríatlon Rías Baixas de Vilagarcía. A súa única colaboración foi, aseguran, que a efectos federativos a empresa organizadora precisaba dun club federado para poder organizar a proba.
O CONCELLO ESTUDARÁ ESIXIR RESPONSABILIDADES Á EMPRESA ORGANIZADORA
Tras confirmase a suspensión, o Concello de Vilagarcía fixo público un comunicado no que "prega desculpas a todos os deportistas desprazados a Vilagarcía para participar na proba e toma nota da falta de profesionalidade de cara a futuras propostas a realizar en Vilagarcía xa que non se permitirá que se volva a danar a imaxe na cidade".
Por ese motivo o goberno local estudará a posibilidade de esixir responsabilidades á empresa organizadora como "única responsable".
Segundo explica o Concello, Tráfico non permitiu o corte da vía rápida "polas escasas medidas de seguridade dispostas pola organización, porque que nin sequera contaban cos chalecos de reflectores esixibles nin das sinais indicadoras".
Dende Ravella lamentan a "falta de seriedade" demostrada por esta empresa que, "aínda a sabendas de que carecían de medios continuaron coa organización do evento". E o que máis lamenta o Concello e que, pese a iso, "a empresa estea intentando responsabilizar aos colaboradores, poñendo como escusa inaceptable os 15 minutos de retraso na colocación das balizas por parte de Protección Civil para a proba inicial de natación".
VERSIÓN DA EMPRESA
A falta dun comunicado oficial, a empresa organizadora desta proba sinalou na páxina de Facebook do evento que asumen a responsabilidade do sucedido "pero non a culpa", a pesar do cal atenderán todas as reclamacións dos participantes.
Bonza Ventures afirma que a colaboración co Concello de Vilagarcía "cinguíase única e exclusivamente a dúas cousas", a reserva do uso do aparcadoiro do Ramal, onde montar a transición e meta, e a presenza de Protección Civil con dúas embarcacións e unha ambulancia.
A pesar diso, "en lugar de dúas embarcacións só apareceu unha embarcación" e o aparcadoiro en cuestión "estivo totalmente ocupado onte todo o día e hoxe ás 6 da mañá había 180 coches, a pesar de estar valado desde o venres", polo que a transición terminouse de montar con case tres horas de atraso. Iso provocou, sinalan, que xa non fora posible cortar o circuíto con seguridade nin tempo suficiente para completar o percorrido.
Sen cumprir o plan de seguridade en auga e sen sitio para montar a transición "foi humanamente imposible levar a bo termo e de maneira segura a proba", conclúen.