Deporte do bo en Sanxenxo co II Tríatlon Rías Baixas
Por Diego Espiño & Diego Torrado
As únicas queixas tras a súa primeira edición foron a baixa temperatura da auga e o temperán horario de saída, pero ambas as dúas superáronse nesta ocasión.
O II Triatlón Rías Baixas desenvolveuse este domingo con éxito en Sanxenxo coa presenza de 350 deportistas, o máximo habilitado pola organización, a cargo do GV Sports.
En pleno xuño, deixando de lado maio, e con saída ás 9:30 horas na praia de SIlgar, todo marchou segundo o previsto nunha animada xornada deportiva.
A competición celebrouse en distancia olímpica, con 1.500 metros de natación en Silgar, 40 quilómetros de ciclismo ata A Lanzada e 10 quilómetros de carreira a pé, coa peculiaridade de que no sector de bicicleta non se podía circular a roda (drafting).
En categoría masculina o vencedor foi Sergio García (Ardace Inforhouse) cun tempo de 2:02:58, seguido de José Ángel Penas (Trinity Triatlón) e Lucas Escaneo (Club Triatlón Morrazo), que completaron o podio.
Pola súa banda a portuguesa Rita María Lopes (TriBraga) impúxose en categoría feminina cun rexistro de 2:20:39, sendo segunda Sonia Pariente (GV Sports) e terceira Sara Castillo (La Bajera).
Poden consultarse os resultados completos a través da Federación Galega de Tríatlon.