Demoledor informe da Federación Galega sobre a suspensión do Tríatlon Rías Baixas
Por Redacción
O informe técnico elaborado pola Federación Galega de Tríatlon tras a suspensión por problemas de seguridade do III Tríatlon Rías Baixas en Vilagarcía, o pasado 15 de maio, non deixa en bo lugar á organización da proba.
A Federación, que fala no seu informe do club que prestou a súa licenza organizativa (GV Sports) pero non da empresa organizadora (Bonza Ventures), sinala que previamente se presentaron o proxecto e autorizacións necesarias para celebrar a carreira e que "non foi ata o día da proba cando xurdiron problemas, xa que non se ían cumprindo os compromisos e prazos marcados".
O delegado técnico federativo detalla diferentes incidencias que foron acumulando atraso desde primeira hora da mañá. Así, sinala que non se puido montar a zona de transición á súa hora por estar ocupada de coches aparcados, quedando despexada ás 8:45 horas cando o control de material estaba previsto para as 7:30 horas.
Tamén cita a colocación de boias no sector de natación "empezou con moitísimo atraso, xa que a hora de inicio da proba (9:30 horas) aínda non aparecera embarcación algunha", en referencia aos efectivos marítimos de Protección Civil. A primeira destas embarcacións chegou ás 9:40 horas "e a segunda barca non chegou a aparecer", sinala o informe.
Con todo o principal problema e que finalmente motivou a suspensión foi a falta de seguridade do sector ciclista, cando os triatletas estaban xa dispostos na liña de saída. "Ás 9:40 confírmanme que o tráfico non está cortado e que non hai voluntarios suficientes", explica o delegado da Federación Galega.
Durante case unha hora buscáronse entón alternativas para poder celebrar a proba, pero tanto a Garda Civil como a organización confirman que existen puntos de entrada ao circuíto "sen persoas nin material para cortar o tráfico".
A pesar diso, ás 10:40 horas a organización dá luz verde á saída, momento no que o delegado técnico decidiu comprobar pola súa conta a seguridade poñéndose en contacto cos oficiais situados no punto de retorno, quen "coméntanme que aínda circulan vehículos" pola estrada, polo que opta pola suspensión "e nese mesmo momento recibo comunicación de que a propia Garda Civil tampouco autoriza o sector ciclista por falta de seguridade para os deportistas".
Consulta aquí o comunicado completo da Federación Galega de Tríatlon.
Relacionadas:
-
Problemas de seguridade obrigan a suspender o III Tríatlon Rías Baixas
Por Redacción | Creada e actualizada