Balonmán.com deixa escapar o triunfo na Cañiza (29-27) e Poio Artai cae ante Calvo Xiria (22-34)
Por Redacción
A igualdade presidiu o partido entre BM Cañiza e Balonmán.com Pontevedra. Os de Pedro Pérez viaxaron moi minguados de efectivos e aínda así competiron ben fronte a un rival sempre complicado cando actúa na súa pista, pero deixaron escapar os puntos nun final desafortunado.
Pese ao 3-0 inicial favorable ao conxunto da Cañiza, os visitantes reaccionaron neutralizando esa vantaxe e mesmo tomando a dianteira nalgúns momentos. As vantaxes nunca superaron os tres goles para o equipo local, nin os dous para os pontevedreses, que se retiraron ao vestiario ao termo da primeira metade por baixo (15-13).
Na continuación os locais seguiron mandando sempre con rendas que non lles permitían respirar. O partido converteuse nunha especie de montaña rusa na que o rendemento duns e outros subía e baixaba alternativamente. Balonmán.com chegou a ir catro abaixo (18-14), pero entón tivo o seu mellor momento, concretamente a partir do minuto 37, cando logrou un parcial de 0-6 que lle permitiu pasar a dominar o partido coa súa máxima vantaxe ata ese instante (19-22).
A pesar de que os locais conseguiron novamente igualar (23-23), tres tantos consecutivos de Iago Fernández devolveron a máxima vantaxe visitante a falta de sete minutos (23-26). Pero cando todo parecía resolto para os visitantes, a súa escaseza de efectivos deixouse sentir e en catro minutos e medio entregaron o partido. Un parcial de 5-0 para BM Cañiza deu de novo a volta ao marcador, para terminar cun 29-27, nun partido tolo.
Consulta aquí as estatísticas completas do partido.
CALVO XIRIA IMPÓN A LÓXICA E NON PASA APUROS EN POIO (22-34)
Colíder fronte a pechacancelas. O Poio Artai recibía a visita do Calvo Xiria e os de Carballo impuxeron a lóxica que marca a diferenza abismal que existe entre ambos na clasificación. Esta vez a resistencia dos locais durou apenas sete minutos (4-5). A partir de aí comezou o despegamento cun parcial de 0-6 para chegar ao minuto 19 cun claro 4-11.
O resultado ao descanso (6-15) reflectía claramente a impotencia ofensiva do Poio Artai, que se vería mitigada na segunda metade grazas a que Calvo Xiria tomouse o partido como un adestramento, dando minutos a todos os seus xogadores. Esa circunstancia permitiu polo menos ao conxunto local atopar máis facilidades para facer gol, pero non puido impedir que o marcador seguise aumentando ata o final (22-34).
Relacionadas:
-
Balonmán.com cura feridas á conta dun Poio Artai que xustifica a súa traxectoria (38-22)
Por Redacción |
-
BM Lalín non perdoa a Balonmán.com (36-26) e Poio Artai cede ante o líder Chapela (19-32)
Por Redacción |
-
Contundentes derrotas de Balonmán.com ante Seis do Nadal (22-35) e Poio Artai fronte a Luceros (31-19)
Por Redacción |
-
Pablo Galiano, reforzo para o Balonmán.com
Por Redacción |
-
Balonmán.com Pontevedra non desaproveita a oportunidade de sumar á conta de Lavadores (32-23)
Por Redacción |
-
Poio Artai tampouco pode con Granitos Ibéricos (19-28) e triunfo agónico do BM Pontevedra no Porriño (26-27)
Por Redacción |