O Peixe Galego fai historia en Ávila gañando a Copa LEB Prata
Por Redacción
Machada do Marín Peixe Galego en Ávila, onde conseguiu o primeiro título nacional da súa historia ao impoñerse na final da Copa LEB Prata ao cadro local, o Carrefour El Bulevar (66-76).
Os pupilos de Javi Llorente foron superiores de principio a fin ante un equipo abulense que só inquietou nos primeiros minutos e ao comezo do segundo cuarto.
O Peixe empezou o partido cun triplo de Navajas, toda unha declaración de intencións, e é que tras uns minutos de intercambio os de Marín tiraron de efectividade ofensiva para abrir a primeira brecha, aínda que un 3+1 de Mbamalu metía de novo aos locais no partido (17-20).
O parcial do Bulevar creceu ata o 9-0 para poñerse por diante (22-20), pero foi só un espellismo. A defensa empezou a causar problemas ao atrancado ataque abulense e o equipo 'peixe' volveu de novo a marcar o seu terreo.
Ao ritmo dun brillante Pantín na pintura (34 de valoración con 15 puntos e 12 rebotes), e o acompañamento de Green (22 puntos) ou Adón (14 puntos), o Peixe Galego foi encarrilando o partido para chegar ao descanso cun claro 32-45.
Os numerosos afeccionados galegos presentes no pavillón Carlos Sastre gozaban de xeito abondo, e máis o farían nunha segunda metade na que El Bulevar non se rendeu pero que non puxo en perigo a renda dos de Javi Llorente, moi concentrados no xogo.
A cada estirón local respondeu con acerto o bloque marinense, empeñado en escribir unha páxina brillante na súa historia. Polo menos como tal o celebrou todo o equipo cando sonou a bucina final, e non era para menos.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego reforza o posto de base para o tramo final da tempada
Por Redacción |
-
Marín Peixe Galego completa a súa semana de gloria superando ao Zornotza (89-75)
Por Redacción |
-
Marín rende honras aos heroes da Copa LEB Prata
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Antonio Pantín fai un 'Sergio Ramos' co seu trofeo de MVP da Copa LEB Prata
Por Redacción |
-
Ilusión desbordada ante a final da Copa LEB Prata
Por Redacción |
-
Green e Rogers lideran a un soberbio Marín Peixe Galego no ensaio para a final copeira (101-80)
Por Redacción |