Oportunidade para a reacción teucrista na pista do último clasificado
Por Diego Espiño
Despois de catro derrotas consecutivas, entre elas as encaixadas ante os poderosos Barcelona e Naturhouse La Rioja, o Teucro afronta este venres (20:30 horas) como unha reválida o partido de liga ante o actual pechacancelas de Asobal, o Balonmano Aragón.
Coa tranquilidade de que "sabíamos que tocaba perder partidos", os azuis buscan a que sería o seu primeiro triunfo a domicilio da tempada e o que é máis importante, afastarse do que é un dos rivais directos pola permanencia.
Con todo Quique Domínguez ve ao cadro zaragozano como "favorito para el partido" e recela da súa situación na táboa: "no miramos nunca la clasificación", asegurou o técnico pontevedrés antes de recoñecer que "ojalá dejemos atrás las derrotas pero seguro que si le preguntas al entrenador de Aragón te dirán que Teucro es uno de los partidos que tienen que ganar".
Domínguez prevé un partido rápido e vistoso, con dous equipos aos que lle gusta imprimir un alto ritmo de xogo e para o que poderá contar con todo o plantel en perfectas condicións, ao non contar con baixas por lesión.
O Teucro viaxou á capital aragonesa durante a noite deste xoves, con tempo suficiente para repoñerse dunha longa viaxe que esperan non afecte o rendemento dos xogadores.
O choque disputarase no Pabellón Principe Felipe de Zaragoza e será arbitrado polos andaluces Fernández Molina e Murillo Castro.