O Anaitasuna asalta o Municipal nun partido de vertixe (30-32)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Os erros penalizaron en exceso á Sociedad Deportiva Teucro nun partido de vertixe e constantes alternativas ante o Helvetia Anaitasuna, disputado no Pavillón Municipal dos Deportes.
Os azuis encaixaron a súa segunda derrota na casa da tempada pero contaron con opcións ata practicamente o final do encontro, cando con empate a 28 unha exclusión de Carlos García resultou decisiva.
Empezou mellor o cadro navarro, pero o Teucro pronto reaccionou para poñerse por diante por primeira vez no minuto 5 (4-3). A alternancia no marcador mantívose a partir dese momento, sen que nin sequera as inferioridades numéricas tivesen influencia. Foi así ata o primeiro apagamento ofensivo dos pontevedreses, que viron como nun momento pasaron de dominar 11-10 a estar cun 12-15 en contra.
Unha exclusión de Garza cambiou a tónica e permitiu coller osíxeno aos azuis, que puideron empatar antes do descanso pero con todo chegaron ao intermedio dous abaixo.
O descanso sentou ben ao Teucro. A defensa imprimiu un punto máis de intensidade, Richi Amérigo empezou a tocar balóns e con tres paradas consecutivas e dous goles de Pichel, máis o acerto de Chapela desde os sete metros, metéronse de cheo no choque grazas a un parcial de 3-0 (17-16) que obrigou ao adestrador navarro a pedir tempo morto.
A partir de entón o choque entrou nunha fase de goles rápidos, pero sempre cos azuis mandando ata lograr a súa renda máxima (21-19). Non durou pero o cadro local contou entón cunha oportunidade de ouro para abrir oco. Con 23-22 no marcador e un excluído, o banco navarro cometeu un erro que supuxo unha segunda exclusión en pista. Con todo, contra todo prognóstico o Teucro atascouse e viu como o seu rival empataba.
Os visitantes anotaban con relativa facilidade e Quique Domínguez tentou deter a hemorraxia variando a súa defensa ao 5-1 con Román de avanzado. Funcionou nun primeiro momento e os azuis chegaron a estar 27-26 con seis minutos por diante.
Chegou entón a xogada que ao cabo marcaría o partido. Empate a 28 e tras un erro ofensivo o Anaitasuna saíu á contra con claridade. Amérigo fixo o imposible sacando un lanzamento de socato, pero no rexeite Carlos García empuxaba claramente a un xogador visitante. Sete metros e exclusión da que os pontevedreses xa non se repoñerían.
Escapou así un encontro no que tiveron serias opcións de puntuar ante un rival que demostrou no Municipal estar en liña ascendente tras superar un irregular comezo de tempada.
SD TEUCRO (30): Amérigo, Balenciaga (4), Pichel (6), Víctor Rodríguez (2), Carró (3), Carlos García (5), Rial -siete inicial- Chapela (5p), Iván Fernández, Dani Hernández (2), Edu Moledo (3), Samu Gómez, Román.
HELVETIA ANAITASUNA (32): Lorger, Álvaro Gastón (1), Bozidar (6), Miguel Goñi (5, 3p), Ángel Pérez (6), Ugarte (3), Fernandes (3) -siete inicial- Bazán, Garza, Etxeberría (3), Álvaro Del Valle, Chocarro (4), Juan Castro (1), Sergey.
Árbitros: Merino Mori e Moyano Prieto (Castela-León). Excluíron a Rial, Dani Hernández e Carlos García no Teucro e a Etxeberría (2), Garza, Ángel Pérez e Gastón no Anaitasuna.
Marcador cada cinco minutos: 2-3, 6-5, 9-9, 11-11, 12-13, 14,16, descanso, 17-17, 21-21, 23-23, 24-25, 28-28, 30-32.
Incidencias: Partido da duodécima xornada da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 800 espectadores.
Relacionadas:
-
Teucro e Cangas afrontan o derbi provincial en momentos opostos
Por Diego Espiño |
-
Mal partido do Teucro e dura derrota na pista do Balonmano Aragón (32-27)
Por Redacción |
-
Oportunidade para a reacción teucrista na pista do último clasificado
Por Diego Espiño |
-
O Teucro retoma 'a súa liga' recibindo ao Anaitasuna en "un buen momento de juego y confianza"
Por Diego Espiño |
-
Barcelona Lassa supera un digno Teucro (44-30) igualando o record de vitorias da liga
Por Redacción |