O Cisne acaricia a vitoria fronte ao MMT Zamora (29-29) nun emocionante partido
Por Ramiro Espiño
Empatou o Cisne un partido que tiña case perdido e que puido gañar na recta final. Os de Edín Covelo sumaron un valioso punto fronte a un dos rivais máis poderosos da categoría, e con el o convencemento de que se xogan ao seu mellor nivel poden competir con calquera.
Foi un partido emocionante, cheo de alternativas, que puido gañar calquera. MMT Seguros Zamora levou a iniciativa no marcador a maior parte do tempo, pero pouco faltoulle para que regresase sen carga. Os visitantes, que chegaban ao estadio cunha traxectoria case inmaculada de sete vitorias e unha sóla derrota, poden darse por satisfeitos xa que a falta de dous minutos o equipo cisneísta lograra remontar e poñerse dous goles arriba.
De saída os zamoranos sorprenderon cunha defensa moi aberta e agresiva, nun pouco frecuente 3-3 que o Cisne non sabía como afrontar. Ademais, a defensa pontevedresa tardou en axustarse, permitindo cómodas penetracións pola zona central. As consecuencias non se fixeron esperar e aos seis minutos Zamora mandaba 2-6, obrigando a Edín Covelo a pedir o seu primeiro tempo morto.
A partir de aí comezaron as alternativas no xogo e o dominio. O Cisne, máis asentado, metíase de cheo no partido, empatando aos 20 minutos (12-12) con dous goles consecutivos de Carlos Pombo, para poñerse pouco despois por primeira vez por diante, aínda que con diferenzas que nunca superaron os dous goles (15-13, minuto 23).
Non podía faltar a xa case tradicional baixada de xogo dos brancos. Esta vez durou sete minutos, os que restaban ata o descanso. Zamora aproveitouno para volver tomar o mando e cun parcial de 1-5 irse ao vestiario cun 16-18 favorable.
Na segunda parte os visitantes deron a impresión de querer sentenciar. En só tres minutos recuperaron a súa máxima vantaxe (16-20), pero o Cisne non se deu por vencido. Zamora acusou o desgaste físico da súa aberta defensa no primeiro terzo de partido e comezou a ter problemas ofensivos, debidos tamén á sensacional actuación dun Pablo Galán que sostiña aos seus.
As diferenzas favorables aos visitantes moveríanse entre un e dous goles, ata o minuto 49, cando Álex Chan conseguía empatar (25-25) e o mesmo xogador poñía despois de moitos minutos por diante ao Cisne (27-26).
Quedaban sete emocionantes minutos que non defraudaron a ninguén. Ramón Gil facía o 28-26, pero Zamora reaccionaba. Con 28-27 Álex Chan resulta excluído, pero Pablo Galán arránxao. Tanis Erselle facía o 29-27 a falta de dous minutos e o Cisne dispoñía, despois dunha nova parada de Galán, de balón en ataque para irse de tres e sentenciar. Non o aproveitou.
Zamora achegábase por medio de Jorge. Juanjo Novas paraba un penalti, pero Peli marcaba o 29-29 definitivo a falta de 25 segundos. Pediu tempo morto Edín Covelo para preparar unha última xogada, pero o lanzamento de Álex Chan detívoo sen dificultade Leo.
BM CISNE (29): Pablo Galán; Ramón Gil (4), Fabián González, Miguel Simón, Javi Vázquez (1), Carlos Pombo (3), Iago Cuadrado (3) -sete inicial-, Juanjo Novas (p.s.); Iván Abilleira (3), Bruno Montesinos, Álex Chan (7), Pablo Picallo (1), Pablo Rey, Pepe Camiña (1), Guille Rial (5) e Tanis Erselle (1).
MMT SEGUROS ZAMORA (29): Leo; Reyes (5), Octavio (8), Jorge (4), Iñaki (1), Guillermo (1), Rodri (1) -sete inicial-, Iván (p.s.); Ceballos (2), Marc, Fer, Peli (5), Andrés, Alberto e Miguel (2).
Árbitros: Juan Manuel Vinagre Vázquez (Estremadura) e Pablo García Sánchez (Andalucía). Excluíron dous minutos a Iván Abilleira (2), Fabián González (2), Iago Cuadrado e Álex Chan, polo Cisne, e a Marc, Fer (2), Jorge e Andrés (2), polo Zamora.
Marcador (cada cinco minutos): 2-4, 5-7, 8-10, 12-12, 15-14, 16-18 (descanso), 17-21, 19-21, 23-24, 25-25, 27-26 e 29-29 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 220 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas dos brutais atentados terroristas de París.
Relacionadas:
-
Grave revés do Cisne que cae vítima dos seus erros fronte a un duro Amenabar Zarautz (26-27)
Por Redacción |
-
Bo xogo pero mal resultado do Cisne en Palma del Río (32-24)
Por Redacción |
-
Toño Lafuente será intervido de rotura do ligamento cruzado anterior
Por Ramiro Espiño |
-
O Cisne só aguanta dez minutos en Antequera e cae derrotado por un claro 34-24
Por Redacción |
-
Todos os equipos do Cisne, xuntos no Pavillón Municipal
Por Redacción & Diego Torrado |