A tempada comeza con bo pé na Rexional Preferente
Por Redacción
Positiva estrea de tempada para os equipos da bisbarra na Rexional Preferente, con triunfos para Marcón, Portonovo, Sanxenxo, Villalonga e Céltiga e unha única derrota, a do Unión Grove precisamente ante os da Illa.
O Marcón arrancou a liga con tres importantes puntos que se adxudicou pola mínima ante o Porriño Indutrial (1-0) grazas a un gol de Valiñas aos 10 minutos de xogo.
Carlés presentou un equipo con poucos cambios con respecto á pasada tempada e iso notouse na conxunción dos seus xogadores, que malia iso teñen aínda moito marxe de mellora.
Tamén se estreou con triunfo sufrido o Portonovo, derrotando na casa ao Mondariz por 2-1 e pedindo a hora no tramo final tras dominar gran parte do choque e conseguir dous tantos de vantaxe.
Pola súa banda a domicilio comezaron Sanxenxo e Villalonga, e fixérono con acerto. Os amarelos rendibilizaron ao máximo o tanto de Óscar Guimeráns para derrotar o Caselas, mentres o Villalonga sorprendeu o Estradense grazas a unha boa primeira metade (0-2).
A única derrota para os equipos de laa zona foi para o recén ascendido Unión Grove, que caeu no Monte da Vila ante o Céltiga (1-2) tras unha primeira metade dominada polos insulares e un infrutuoso intento de remontada na segunda dos locais.