Portonovo e Villalonga collen velocidade de cruceiro na Preferente
Por Redacción
Non puido empezar mellor a tempada para Portonovo e Villalonga, que son xunto ao Valladares os únicos equipos que sumaron un pleno de triunfos nas dúas primeiras xornadas de liga.
O Villalonga venceu en San Pedro o Caselas nun partido moi serio no que demostrou a súa prestancia para impoñerse pola mínima grazas a un gol de Bisti aos 64 minutos de partido.
Pola súa banda o Portonovo tivo que sufrir na súa visita ao campo do Gondomar (1-2). Adiantouse moi pronto cun tanto de Carballo, pero Aitor Gómez puxo o empate no 72 dende o punto de penalti.
Cando parecía que o empate sería definitivo, Manu Nieto deu os tres puntos ao cadro arlequinado no último minuto.
O que non puido sumar a súa segunda vitoria da liga foi o Xuventú Sanxenxo, que se viu sorprendido na casa ante o Domaio (1-2) nun choque no que os visitantes se mostraron máis efectivos e os amarelo só tiveron opcións nos últimos minutos tras recortar distancias cun gol de Richi.
A xornada si foi positiva para o Unión Grove, que estreou a súa cuadrícula de triunfos gañando a domicilio ao Mondariz cun tanto de Javi Prol á media hora de xogo.
Por último o Céltiga rabuñou un punto na casa ante o Ourense CF (2-2) nun partido no que todos os goles chegaron no primeiro acto.